O festival acollerá esta tarde a final do concurso de bandas Salvaxesons
06 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.O parque forestal de San Miguel de Oia vive hoxe a segunda xornada de The Wild, un evento que combina actividades na natureza con música e cine. Esta última sección terá o seu espazo a partir das 14.30 e 15.45 horas. Ata o domingo proxectaranse dezaseis curtametraxes e longametraxes nunha gran pantalla led. Entre os títulos máis destacados figuran dúas producións galegas. Son o documental Testemuñas dunha illa, de Borja Duarte Quintáns, Elian Mercedes Antiga e Guillermo Artero García, e A tarea, de Alfonso O'Donnell. Hai tamén no programa dúas curtametraxes premiadas no festival barcelonés Ficma. A mirada internacional complétase con obras como When the Flood Comes ou The Experiment. A sección inclúe programación para público familiar, coa proxección dA Légende du colibri, de Morgan Devos, ou A madár gyermekei ? Children of the Bird.
Ás 12.00 horas CEIP Ría de Vigo desenvolverase unha mesa redonda ao redor dos incendios forestais. Ademais, desde as 16.00 horas estará activada a zona de lecer infantil do festival, na que haberá talleres e as Olimpíadas pallaso.
A programación musical do evento terá o seu aperitivo ás 13.00 horas coa presenza do gran Cé Orquestra Pantasma. Pola tarde, desde as 18.00 horas, poderase seguir a final do concurso de bandas Salvaxesons. Os catro finalistas son Supergigante, Exeria, Martin Human e Gargantúa. Este concurso desenvolveuse durante varias fins de semana da pasada primavera en Vialia. Os premios deste duelo de música en directo serán entregados ás 21.30 horas.
Unha hora máis tarde da entrega de premios comezará o concerto da banda de Nigrán Netta Rufina, formación antes coñecida como The Mirror. O grupo móvese polo rock, o funk e o soul. Tras esta actuación comezará unha sesión dirixida por dj's.
A entrada hoxe e mañá é gratuíta, aínda que se controla a capacidade do recinto. Si se pagarán 5 euros pola utilización da zona de acampada e de 10 euros no caso que se queira estacionar nesa zona cunha autocaravana. No recinto hai oferta gastronómica, así como un mercadillo dedicado á artesanía.