A ruta do ouro de Aldara Rodríguez

LA VOZ VIGO

VIGO

CEDIDA

O título coa española sub-16 recompensa os sacrificios da aleiro do Celta, que percorría 740 quilómetros semanais para adestrar e logo cambiar Xunqueira por Vigo

30 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Aldara Rodríguez nacida en Xunqueira de Ambía no 2009, probou no balonmán, pero enseguida seguiu ás súas amigas para xogar ao baloncesto en Allariz. No conxunto allaricense, un clásico do baloncesto galego, estivo cinco tempadas, de verde e negro recibiu a primeira chamada da selección (unha concentración sub-12) e aos doce anos o Celta chamou á súa porta. Durante dúas tempadas, fixo tres veces á semana o traxecto Xunqueira de Ambía-Vigo para adestrar, máis un cuarto día a Ourense. O verán pasado, deixou a súa casa e marchou a vivir cunha familia para estar preto do pavillón de Navia. Estrañou, tivo morriña, custoulle adaptarse, pero resistiu. O premio: unha medalla de ouro en baloncesto no Festival Olímpico da Mocidade en Macedonia do Norte. «Estou moi contenta de dar o paso. Era unha cousa que tiña que facer se quería seguir medrando», di da súa decisión de mudarse a Vigo.

«Somos de Xunqueira de Ambía e Aldara comezou a xogar no Allariz; cando estaba en categoría infantil, recibimos unha chamada do Celta e comezou a xogar na base do equipo», lembra Sofia, a súa nai. Foi Carlos Colinas, o director deportivo celeste, quen se puxo en contacto coa familia. O cazatalentos xa a tiña detectada no seu radar e incluso fixo unha excepción. «Comentounos que non fichaban a nenas tan pequenas, pero que querían facer unha excepción».

Aldara tiña doce anos e a súa vida deu o primeiro volto. Comezaron as viaxes a Vigo (119 quilómetros de ida e outros tantos de volta). «Os dous primeiros anos ía a Vigo tres veces á semana e adestraba un cuarto día co Bosco en Ourense, que tiña un convenio o Celta con eles», di a súa nai e taxista. Dun modo paralelo, esta aleiro de 181 centímetros (a día de hoxe) continuaba acaparando chamadas da selección española nas súas categorías basee.

O verán pasado,tiveron que dar un paso máis e Aldara decidiu instalarse en Vigo. «Dende a pasada tempada, viviu cunha familia en Vigo, unha familia que ten nenas no Celta, adestraba e estudaba en Vigo e a previsión para o ano que ven é estea na residencia de estudantes». A xogadora admite que lle custou: «O que foi máis duro foi cando me fun para Vigo, a vivir alí», di desde a súa casa. A súa nai explícao con nitidez: «Custoulle a adaptación á nova situación; ao final, é moi pequena, de idade, e saír do seu confort foi duro: familia nova, cole novo, difícil para unha nena de 14 anos, pero ela tiña claro que para continuar o seu camiño tiña que sacrificarse».

O esforzo tivo a súa recompensa en forma de medalla de ouro hai poucos días. «É a miña primeira medalla internacional», di do ouro conquistado por España na final de baloncesto feminino da FOJE. Ademais, endosándolle unha malleira a Francia: 69-38. «Prantexamos moi ben o partido e déusenos moi ben», di con naturalidade. A pesar de soportar un aloxamento nada recomendable: «O hotel no que estabamos con tres camas para cinco persoas e non puidemos descansar ben de todo».

A céltica admite que chegou ao baloncesto seguindo ás súas amigas e enganchouse o primeiro día. «Ao principio xogaba ao balonmán e gustábame moito, pero había moitas amigas miñas que xogaban ao baloncesto e decidín apuntarme, déuseme ben e empezou a gustarme un montón», lembra. Hoxe, defínese como unha xogadora «con carácter á que lle gusta moito defender e axudar ao equipo». Ten como referencia a María Conde, internacional con España que agora xoga na República Checa. Ela sabe que o Celta é un bo viveiro da selección absoluta e non descartar engordar a lista. «Aí estamos». Un xeito moi galego de dicir que o soño é posible.