
O líder do Campionato Galego de ralis logra o seu quinto triunfo seguido nesta cita; Meira foi segundo, beneficiado polo abandono de Berdomás
13 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Víctor Senra segue sen ter rival no Campionato Galego de ralis, en xeral, e no Sur do Condado, en particular. Defendía onte o título e adxudicoullo novamente, coroándose nesta cita por quinta edición consecutiva. Gañador de dez dos doce tramos, os restantes foron para un Daniel Berdomás que tivo que abandonar por unha saída de estrada cando se impuña con claridade na batalla pola segunda posición a Alberto Meira; leste, vencedor das catro edicións anteriores a que comezase o reinado do actual dominador, sempre viu lonxe as dúas primeiras posicións ata o adeus do que é tamén o seu gran rival na xenerala.
Senra comezou marcando terreo ao adxudicarse os dous tramos iniciais, as primeiras pasadas por Covelo-Mondariz e por Ponteareas, seguido en ambos os casos dun Berdomás que foi o máis rápido no terceiro, en Mos, no que o líder se tivo que conformar coa terceira praza, por detrás de Meira. A metade de rali, con seis tramos completados, o vencedor levárase catro e o seu máis inmediato perseguidor, que estaba nese momento a trece segundos, dous; o gondomareño situábase xa a 29 da cabeza.
Senra seguiu aumentando a súa vantaxe ao ser o mellor tamén nas primeiras pasadas a Arbo, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, pero neste último —neutralizado a partir da posición 24— cambiou o panorama co abandono de Berdomás, que parecía ter todo de cara para ser subcampión do rali. O gran beneficiado foi Alberto Meira, segundo nese noveno tramo no que o seu antecesor ata entón na xenerala dixo adeus. David González, que marcara o cuarto mellor tempo en todos e cada un dos parciais ata entón, subía á terceira praza na xenerala.
Así foi a saída de estrada de Dani Berdomás no Rally Sur do Condado que lle obrigou a tomar o camiño do abandono
— David Cabaleiro (@DavidCabaleiro3) July 12, 2025
Á falta de 2 tramos, lidera Víctor Senra co i20 WRC pic.twitter.com/3htojmdqbq
As segundo pasadas polos tramos da tarde xa non alteraron o guion. Os tres primeiros postos foron en todos os casos, por esa orde, para Senra, Meira e González, xa sen ningunha variación na parte alta da clasificación do rali. Deste xeito, Senra mantense a cargo do Campionato Galego de ralis e Meira, que chegaba con só dous puntos de vantaxe sobre Berdomás, segue segundo.