
O programa inclúe actuacións da Escola de Teatro e a presentación do proxecto Luzazul
30 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas afronta a súa última semana cunha intensa programación, tanto no auditorio municipal como noutros espazos públicos do municipio. Está previsto para hoxe, ás 16.30 horas no salón de plenos, o desenvolvemento dunha mesa redonda ao redor do teatro escolar, universitario e afeccionado. Nela participarán distintos colectivos que forman parte do teatro afeccionado, co obxectivo de tratar as distintas singularidades do teatro que se fai na escola, na universidade e nos grupos de teatro afeccionado, estean federados ou non. Participarán Fernando Dacosta, docente, actor e director; Lois Soaxe, actor e docente; Rosa Estévez, docente, dramaturga e directora; Marina Gómez Pose, docente e directora; Fernando Castro Paredes, docente, director e dramaturgo; Raquel Castro, docente, dramaturga e directora; e Chelo Pampillón, presidenta de Fegatea, directora e dramaturga. Moderará Xoán C. Riobó.
Ás 19.30 horas na alameda vella; ás 21.00 horas, na sala de exposicións do auditorio; e ás 22.00 horas na sala principal do auditorio poderase ver á Escola de Teatro de Cangas. Na alameda vella fará un pasacalles titulado A mostra axuda. Na sala de exposicións proporán Reciclar pensamentos. Finalmente, no auditorio porá en escena 3x4 Masiluna. Actuarán Manolo Boubeta, Silvia Portela, Luz Álvarez e Natalia Piñeiro baixo a dirección de Sonia Rúa.
Complétase a programación deste luns con Cyranxs. A compaña Luzazul estará ás 20.00 horas na sala de exposicións do auditorio. Luzazul é un proxecto desenvolvido polo Concello de Cangas que pretende ser un laboratorio de investigación desde a expresión utilizando o teatro como ferramenta.
O obxectivo principal é sacar á luz todos os potenciais, cualidades, pensamentos, desexos, emocións e contribuír a coñecernos e que nos recoñezan. Tamén integrar ás persoas con diversidade funcional e intelectual na vida social e cultural a través do teatro.
A Mostra continuará ata o vindeiro domingo con numerosas actividades diarias tanto no auditorio municipal como outros espazos públicos de Cangas.