O home que araba con seis bois en Vigo, a Inquisición e un tardo que non sabe contar

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

Os organizadores da Festa da Sementeira de Mátama contan a historia ao redor dun veciño da parroquia rico e as travesuras dun personaxe mitolóxico

17 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Hoxe, nunha finca de Matamá, os dous grandes bois (un pesa máis dunha tonelada) do veciño de Coruxo Sito Oliveira tirarán dun carro para preparar a terra para sementar millo. É como se fixo ata non hai moito na parroquia viguesa. «Aquí todo o mundo vivía da terra», lembran Manolo González e Marcos Alonso, membros do colectivo Malaherba que cada ano organizan a Festa da Sementeira. Teñen na súa memoria unha chea de historias e contos relacionados co traballo no campo que, tamén, recolleron nos dous libros que Alonso escribiu con Xulio Fernández para contar o pasado de Matamá. Entre esas páxinas agóchase a historia dun home que se dicía que araba a terra e, tamén, os petroglifos con tres parellas de bois.

«Matías de Abreu era un home que naceu nunha familia moi húmilde ao redor do ano 1700. Vivían do campo, pero tiña a sorte de ter un familiar dentro da Santa Inquisición», explica Marcos. A organización tiña propiedades na parroquia e aínda se pode atopar o seu escudo na parroquia. «Pois resulta que ese home aproveitou ben a posición do seu familiar. Conseguiu que lle pagaran os estudos, fíxose presbítero e comezou a mercar unha chea de terras. Dicían que acumulaba 90.000 metros cadrados de fincas», conta. Tal volume de propiedades provocou que haxa anacos da súa actividade en varias zonas de Matamá. Cerca dun muíño que ten Marcos hai uns petroglifos que foron «arados», probablemente, «polos seus carros de bois», continúa. Tiña tres tirados por seis animais. «Era o que máis sorprendía do que atopamos sobre a historia deste home».

Parte do millo que recollían naquelas colleitas acababa en cuncas que se deixaban nas portas das casas para espantar aos tardos, unha figura da tradición oral galega que se coñece con varios nomes distintos. Pode ser un trasno ou, por exemplo, un demo burlón», así o chaman as persoas maiores en Baiona. Marcos explica que os tardos eran seres aos que se lle atribuían «pequenos males do día como a desaparición dalgún obxecto, a caída dos moños das mulleres ou os pesadelos». Os vellos de Matamá contáronlle que se pasabas unha mala noite era debido a que un tardo sentara no teu peito. A única maneira de espantalos era deixando un prato con grans de millo na porta das casas. «Os tardos non podían aguantar o impulso de contalos, pero, como non sabían facelo ben, quedaban alí bloqueados», explica.

Hoxe está costume desapareceu en Matamá, pero parte daquela tradición sobrevive nunha festa que hoxe cumpre doce edicións. A Sementeira comezará ás 10.30 horas coa saída do carro de bois de Sito dende o torreiro de Matamá acompañado de música tradicional. Ás 11.00 horas iniciará a labranza e ás 12.00 haberá unha sesión vermú e un xantar campestre. Ás 15.00 horas comezarán as olimpiadas do campo para nenos, ás 16.00 haberá un obradoiro de horta sostible, ás 17.00 horas hai foliada e ás 18.00 horas actúa o Pallaso Total. «Invitamos a todo o mundo a vir a unha festa que lembra as nosas orixes, que ensina aos cativos do que vivían os seus avós e na que o pasamos moi ben», conclúen.