
En caso de confirmarse irregularidades, esixen que se determinen responsabilidades e que a cidade sexa reintegrada como sede do evento
27 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.O grupo municipal do PP pedirá no pleno ordinario que se celebra este luns, un apoio «construtivo» á candidatura da cidade como sede do Mundial de fútbol 2030. Os populares reclaman tamén á Real Federación Española de Fútbol que publique os baremos e puntuacións de todas as candidaturas e que ofreza explicacións ante as sospeitas dunha posible exclusión irregular de Vigo como sede.
En caso de confirmarse irregularidades, esixen que se determinen responsabilidades e que a cidade sexa reintegrada como sede do evento. Así o recolle a emenda rexistrada á moción socialista, que o PP considera «practicamente un calco» da presentada o mes pasado.
A presidenta local do PP, Luisa Sánchez, defende que o seu grupo actúa «con sentido de cidade», fronte á «actitude destrutiva» do PSOE, que, ao seu xuízo, volve usar o pleno para atacar a outras institucións como o PP, a Deputación de Pontevedra, a Xunta e a propia federación de fútbol. Sánchez lamentou que o PSOE rexeitase a moción do PP en defensa de Vigo como sede, así como unha declaración institucional e acusa a Cabaleiro de persistir nunha «política estéril de confrontación». No ámbito de infraestruturas, o PP de Vigo rexistrou outra emenda para reclamar o apoio expreso á construción da nova autovía entre Vigo e O Porriño (prolongación da A-52), pedindo que se reduzan as afeccións do proxecto.