
O músico de Moaña acaba de presentar o seu primeiro traballo discográfico
29 abr 2025 . Actualizado á 18:39 h.En Moaña hai un promontorio coñecido como Monte dá Pena con vistas á Ría de Vigo. O músico Héctor Rodríguez uniu as tres palabras para dar nome ao seu proxecto artístico máis persoal e tamén ao seu primeiro álbum. O artista tamén é membro do grupo Lontreira xunto a Adriana Cores e Iván Barral, pero en Montedapena ocúpase da produción, as letras e por primeira vez pon a súa voz en solitario a cancións como Voltei caer na merda, Mentiría, Q fas, T´stimo molt. En moitos dos seus temas hai mensaxes contra a homofobia, como nEles son así, dedicada aos seus sogros.
Tras pasar por Santiago e Lugo, acaba de presentar o álbum en Vigo. A próxima cita é o 9 de maio na sala Filomatic da Coruña. A elección do lugar e o nome do seu disco nace dun recordo infantil feliz.
—Cal é esa historia?
—O Monte dá Pena está moi preto de onde eu vivo, é un sitio ao que fun bastante coa miña familia e recordo en concreto un aniversario do meu tío no que había como unha especie de foliada e púxenme a gravar por alí con outros nenos como eu. Cun dos meus tíos gravamos un corte súpers cutre. Asócioo co meu primeiro achegamento ao audiovisual e o musical, a crear algo antes de empezar a tocar o piano.
—Pero pena, pouca. O disco é moi alegre e luminoso...
—Pena tamén é pena en galego, e gustábame xogar con esa dualidade entre ao dureza dun material como a pedra, e a da tristeza.
—Parace que tamén lle gusta xogar ou experimentar cos idiomas. Ten temas en galego, en castelán e en catalán, que é menos habitual
—O do catalán é unha cousa puntual, fíxeno porque o meu noivo é catalán e T´estimo molt é unha canción dedicada a el, deille a sorpresa para que tamén houbese versos no seu idioma, o retrouso, en concreto. Creo que quedaba bonito o feito de dicirlle en catalán que o quero moito. Pero canto tanto en galego como en castelán porque falo nos dous idiomas. Hai parte da miña familia coa que falo en castelán e con outra parte, en galego; e cos meus amigos, o mesmo.
—Sempre quixo dedicarse á música ou tiña plan B?
—Todos os meus plans, tanto o A como o B, o C ou o D, teñen que ver algo coa música, ou polo menos co audiovisual. Eu querería ser só artista e producir música para outros, que son as dúas cousas que máis me gustan. Un plan B que teño ao final é ser técnico son en concertos, ao final son autónomo e estou un pouco a mil cousas. E se isto sae mal e nuns anos teño que volver ás orquestras, como estiven fai un par de anos, é o que hai. Eu fixen o ciclo superior de produción audiovisual o ciclo da Rock School de produción musical que imparten nos estudos Planta Sónica.
—Esa conexión facilitoulle as cousas á hora de gravar?
—Eu teño o meu estudo na casa, pero contar con algo así é xenial. No caso do meu disco, por exemplo, fomos gravar pianos de cola a un en Portugal, e as guitarras e as voces fixémolas en Planta Sónica cando eu aínda non tiña un equipo como o que teño agora. Que o produto estea feito cos mellores medios e do mellor xeito posible só pode ser bo. E que sexa autoproducido non ten por que significar que estea gravado cun cartón de son e un micro cutre nun cuarto.
—Tivo colaboradores de luxo, como Xurxo Núñez, irmán de Carlos Núñez, na percusión
—Si, veu un día polo estudo, por Planta Sónica, cos pratos xa montados e foi porlle as cancións que non escoitara el nunca e pillounas ao voo. Soaba incrible, foi flipante.
—Que hai en Montedapena que non teña a súa banda Lontreira, coa o que gañaron o concurso A Canción do Verán con «Corazón de toxo» no 2022?
—Lontreira ten por unha banda unha onda máis mística e por outro, máis garuleira e desenfadada. Montedapena é tamén pop, pero máis íntimo e directo nas letras, máis emocional.