Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

322 escolares coan a area de praias da Guarda en busca de microplásticos

Monica Torres
Mónica Torres A GUARDA

VIGO

M.MORALEJO

Cinco centros educativos súmanse a unha xornada de limpeza na  desembocadura do Miño dentro do programa Voz Natura

12 abr 2025 . Actualizado á 01:18 h.

Armados con coladores e unha enorme motivación, 322 escolares da Guarda percorreron metro a metro as praias de Ou Muiño e A Lamiña para retirar microplásticos. A xornada forma parte de Voz Natura, o programa de educación ambiental impulsado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e estivo coordinada polos centros CEIP Plurilingüe As Solainas, CEIP A Sangriña e a Asociación Avelaíña, coa colaboración da escola infantil A Gándara e o Colexio San Xerome.

M.MORALEJO

Durante case catro horas, o alumnado rastrexou os restos que deixa a marea en busca de pellets, cabichas, fragmentos de plástico, poliuretano e residuos procedentes de depuradoras. A recolección non se centrara en residuos voluminosos —que apenas había—, senón naqueles máis pequenos e daniños, invisibles a primeira vista. «A primeira ollada parece que non hai nada, pero cando te pairas a remover entre os restos da marea, aparecen unha chea de microplásticos», conta Jorge Pazos Giráldez, profesor dAs Solainas e coordinador do proxecto.

Os residuos foron clasificados por tipo e conservaranse en tarros de cristal cun dobre obxectivo: analizalos e crear unha instalación artística colectiva cunha mensaxe ambiental. «Queremos que de todo este traballo saia un lema, unha imaxe que sirva para visibilizar o problema», explica Pazos.

Nesta ocasión, a zona da Lamiña acumulou gran parte dos pellets, mentres que en Ou Muiño atopáronse máis cabichas. Tamén apareceron unhas curiosas bolitas de plástico: «son restos de depuradoras, rueditas que acaban aquí polo arrastre das correntes», explica o docente.

A actividade é só unha máis no longo percorrido do CEIP As Solainas en Voz Natura. O centro leva 18 anos ininterrompidos participando no programa, desde que Pazos —apaixonado polo medio ambiente— descubriuno durante a súa etapa como docente nunha escola unitaria. Desde entón, non deixou de sumar ideas. En 2021 o colexio recibiu o premio provincial de Voz Natura co proxecto Medrando xuntos, centrado na limpeza de plásticos en zonas rochosas do litoral.

M.MORALEJO

Hoxe, As Solainas conta cun completo espazo verde no seu patio escolar: horta, bancales, charca, plantas aromáticas, invernadoiro e ata un domo xeodésico que funciona como aula de natureza. «Alí explicamos aos alumnos que van facer en cada actividade, ou como plantar», di o profesor. Os froitos que cultivan —tomates, leitugas— lévanos a casa ou utilízanos en pequenas receitas colectivas.

O CEIP A Sangriña segue de preto o camiño de Solainas. A través do seu proxecto, empezou a implantar bancales, fomentar a compostaxe e aproveitar os recursos do Concello da Guarda e das comunidades de montes. «Apóiannos bastante, pero o reto que nos queda é implicar tamén ás familias», recoñece Pazos.

A colaboración entre centros, iniciada fai só dous cursos, multiplicou o impacto do programa. «É moi enriquecedor. Os nenos saen da aula, coñecen a outros compañeiros e implícanse xuntos no coidado da contorna», resume o docente. Así, desde idades temperás, os escolares aprenden non só a recoñecer a ameaza do plástico, senón tamén a actuar.

M.MORALEJO

Unha das actividades máis simbólicas que lembra o profesor foi a que organizaron tras o incendio de 2017 en Muíños de Ou Folón. «Fabricamos bombas de sementes e fomos lanzalas á zona queimada como un xesto simbólico de repoboación», lembra. Sementes de conciencia sementadas sobre cinza. E tamén sobre area. Voz Natura é unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.