Unha batea presidirá durante un mes un festival de arquitectura urbana

La Voz VIGO

VIGO

M.MORALEJO

O TAC! ofrecerá ata o 14 de xullo diversas actividades gratuítas para todos os públicos

13 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Desde hoxe ata o 14 de xullo, a Porta do Sol acollerá o TAC! Festival de Arquitectura Urbana, un evento impulsado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana coa colaboración da Fundación Arquia, o Concello de Vigo e o apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

O fío condutor desta iniciativa vira ao redor da idea de espazo público e a rexeneración dos centros urbanos, algo que queda representado pola construción dunha batea á que se suma unha cuberta en forma de rede que alude ao sistema de pesca tradicional como reclamo e acubillo de actividades. É obra de Fran Millán e o seu equipo de Frouma Atlantic Wood, a deseñadora galega Amalia Puga e a Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda. Doutra banda, o espazo reservado baixo a batea comprende un rectángulo cun bloque de granito rosado; un fragmento natural da historia xeolóxica e recordatorio do diálogo eterno entre a terra e o mar, entre a gravidade e o vento.

Ás 13.00 horas, na sede do COAG comezará unha mesa redonda entre vos gañadores e finalistas do concurso e os produtores locais que colaboraron no proxecto.

Ás 19.30 horas terá lugar a inauguración institucional do TAC! na Porta do Sol e, ás 20.00 horas, o grupo artístico Lolo & Sosaku realizará unha activación sonora do pavillón.