Arrinca o Festival de Ortigueira, oito días de música e fraternidade

ana f. cuba ORTIGUEIRA / LA VOZ

VIGO

Medio centenar de bandas e miles de «folkies» fanse coa vila

10 jul 2023 . Actualizado á 12:27 h.

Do escenario da Alameda chegaban os acordes de SonDeSeu, a orquestra folk de Galicia que abriu onte á noite o Festival de Ortigueira, e na praza de Isabel II, a Escola de Gaitas —a fundadora do Mundo Celta, en 1978, con Xavier Garrote á fronte— inauguraba esta edición. O grande encontro do folk europeo cumpre 45 anos, aínda que en realidade este sería o trixésimo oitavo (a primeira etapa pechouse en 1987 e non rexurdiu ata 1995).

Nunha tarde asollada e calorosa botou a andar unha semana de «música, fraternidade e amor», como a define Dani, produtor madrileño atrapado por «a actitude da xente» desde que aterrou, o sábado, e disposto a quedarse ata o final. Os seus amigos Sara, cantante, e Darío, baixista, regresarán á capital o mércores, moi ao seu pesar: «Interésanos a música celta, pero a paisaxe e a zona de acampada [no piñeiral, onda a praia de Morouzos] é espectacular, nada que ver con outras».

«Temos todo a punto para facer o mellor desta edición, pero o que está a punto, sobre todo, porque estou a sentilo desde aquí, é iso que Ortigueira ten na súa raíz e no seu ADN: unha enerxía única», remarcou o alcalde, Valentín Calvín, na súa estrea como anfitrión deste encontro, declarado de Interese Turístico Internacional.

SonDeSeu deu paso onte á noite a Talisk, un dos grupos folk máis populares de Escocia, que repite por segundo ano consecutivo. Hoxe soarán as gaitas da banda de Ladrido e a charanga Alxibeira, e pola noite, o aragoneses Muro Kuartet e os asturianos Alienda e Guieldu, os tres finalistas do Runas, o certame de bandas noveis. O motor musical arrincará paulatinamente, no escenario central e nas rúas, con medio centenar de grupos e bandas de gaitas. A outra alma do Mundo Celta, os folkies, xa levan días de peregrinación. «Desde o mércores xa o notamos», apunta Raquel Bellas, encargada do supermercado Claudio, na encrucillada entre o acceso á praia e a entrada ao pobo. Estes días vende, sobre todo, cervexa, xeo e auga, bolería industrial, aperitivos salgados e comida vegana —«dun bote de humus ao mes paso a dez caixas nunha semana», di.

Mafalda viaxou desde Porto co seu noivo vigués e os seus amigos brasileiros. Vive o debut con ansia, como a clientela do Caracas, onde o festival se alonga ata a madrugada, día tras día, este ano, e xa é o terceiro, con Brais e a cervexa coruñesa Alé Alé.