O Meixoeiro detecta nun ano un 9% máis de cancros de mama

La Voz VIGO

VIGO

cedida

Creceu o número de diagnósticos, de operacións e de estudos xenéticos

19 oct 2022 . Actualizado á 21:18 h.

A unidade de patoloxía de mama da área sanitaria de Vigo, instalada no Hospital Meixoeiro, diagnosticou no 2021 un total de 423 novos casos de cancro de mama, que son un 9% máis que o ano anterior, o do confinamento, segundo as cifras difundidas polo Servizo Galego de Saúde con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama. Sete dos pacientes eran homes. A unidade incorporou un novo cirurxián, de modo que conta xa con seis. No 2021 practicaron 612 intervencións cirúrxicas, cen máis que o ano anterior.

O incremento de actividade tamén se nota en que se solicitaron 115 estudos xenéticos, un 30% máis que o ano anterior, e atendeuse a 264 mulleres na consulta de asesoramento en risco, un 15% máis.

A coordinadora da unidade, a radióloga Rosa Mallo, subliña que a dotación tecnolóxica tamén foi crecendo e que agora conta co dobre de superficie que no espazo que tiñan antes. Entre esa nova dotación están dúas ecógrafos de última xeración recentemente incorporados. Estes aparellos de ultrasóns, utilízanse para o diagnóstico, pero tamén para guiar procedementos intervencionistas que teñen o fin de curar. O ano pasado fixéronse 7.372 ecografías mamarias, 8.603 mamografías e 805 resonancias magnéticas.

A maioría das novas pacientes acceden a un diagnóstico a través da vía rápida, que evita que se existe unha sospeita dun tumor de mama a usuaria teña que agardar a lista de espera. A vía rápida permitiu estudar o ano pasado a 3.098 persoas, a maioría dos cales se descartaron. O 58% chegan desde atención primaria e outro 30% desde o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, que ofrece unha mamografía a todas as mulleres de entre 50 e 69 anos cada dous.

Todo o proceso centralízase no Meixoeiro, desde o diagnóstico ata o tratamento, sexa cirúrxico, de radioterapia, de quimioterapia ou combinado.

Óscar Vázquez

Asociación contra o cancro 

A Asociación Española contra o Cancro (AECC) tamén celebrou o Día Mundial do Cancro de Mama, coa súa campaña O rosa é máis que unha cor. Este mércores instalaron unha mesa xunto ao farol de Urzaiz para dar información á cidadanía. Segundo os seus datos, o de mama é o terceiro tumor con máis incidencia na provincia de Pontevedra.

A principal tarefa pendente que marca a AECC é o incremento da supervivencia no cancro de mama metastásico, con 1.700 diagnósticos ao ano en España.

Segundo a asociación, unha muller diagnosticada ten uns gastos directos de 9.242 euros e unha perda de ingresos de 32.578 durante a enfermidade, pola perda do traballo ou o cambio no posto laboral.