O cangués Nuno Ponce sorprende en Got Talent: «Es bestial», díxolle Edurne

VIGO

Mónica Torres

O mozo conquistou ao xurado cun tema de Bon Jovi

19 oct 2022 . Actualizado ás 15:55 h.

Cangas viviu onte pendente da televisión para seguir a participación do seu mozo veciño Nuno Ponce, que conquistou ao xurado de Got Talent cun tema de Bon Jovi. «Flipo coa voz que tes e cantando así de nervioso. Non me quero imaxinar cando esteas tranquilo. Tes unha voz bestial», díxolle Edurne.

«Gústame moitísimo o tema que elixiches. Non che podo dicir outra cousa, parabén», engadiu Paula Echevarría. Dani Martín tamén o felicitou. «Tes a típica voz que, vaise acabar a canción e dáche pena», díxolle. Os tres déronlle o seu voto favorable.

Non así Risto Mejide, pero a familia do novo, de 17 anos, agradece por igual o apoio de todos. «Creo que Risto foi moi honesto porque lle dixo que estaba moi nervioso e era verdade. Tamén dixo algo moi importante ao indicarlle que: "o teu timbre é o teu logotipo"», indicou a La Voz a súa nai, Sonia.

A familia desfaise en agradecementos. Non só co xurado e a familia se non co seu pobo, «porque en Canga somos unha tribo e todos nos apoiamos».

Mención especial hoxe para o Conservatorio Municipal de Cangas, onde Nuno estuda desde mozo e para o IES María Soliño, que facilitou o que Nuno puidese acudir ás gravacións sen que lle afectase ao seguimento do curso. «Estamos moi contentos. Ir a Got Talent é unha experiencia marabillosa», indica a familia, que tamén mostra a súa especial gratitude para con Javier Gómez, «o amigo que nos deu aloxamento en Madrid».

Nuno Navarro Ponce, «canta desde que é pequeno e ademais toca o saxofón e a harmónica». O mozo indicou no programa de Tele 5 que a música é «a miña paixón», que lle achega unha sensación que me enche por dentro» e que é «un xeito de non  angustiarme».