O efecto do covid non dá tregua e continúa alongando a lista de espera en Vigo

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua VIGO / LA VOZ

VIGO

Imagen de archivo de una visita a un quirófano
Imaxe de arquivo dunha visita a un quirófano XUNTA

A demora para operarse crece no Chuvi e mellora en Povisa

22 may 2022 . Actualizado á 00:47 h.

O segundo ano da pandemia de covid-19 tivo máis impacto que o primeiro nas listas de espera dos hospitais de Vigo, segundo os datos oficiais que fixo públicos o Sergas este venres. O primeiro notouse pouco, polo menos nas cifras oficiais, pero o efecto acumulado xa é evidente. Cada operación que se fai nos quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi, que inclúe ao Cunqueiro e ao Meixoeiro) tarda 75 días, nove máis que hai un ano e 14 máis que fai dous. En Povisa as cifras melloran: a demora media é de 64 días, seis menos que o ano pasado e só dous máis que antes do covid-19.

Entre ambos suman 11.095 pacientes agardando unha operación. Son 8.302 no caso do Chuvi, 1.500 máis que hai un ano. É a cifra máis alta polo menos desde o 2005. En Povisa hai 2.793 persoas agardando, cen menos que o ano pasado.

No conxunto de Galicia o tempo de espera para unha intervención é de 77 días, un 7 5 máis que antes. Tanto A Coruña como Santiago teñen maiores demoras que o Chuvi, con 89 e 87 días, respectivamente. O Sergas non fai públicos os datos da lista de espera non estrutural, na que se inclúe aos pacientes que rexeitan a derivación a un hospital concertado.

«Temos moi bos datos», interpreta o xerente da área sanitaria, Javier Puente. «O ano pasado melloramos moitísimo, pero en novembro e decembro empeoramos pola sexta onda da pandemia. Houbo que reducir moito a actividade pola previsión de camas que necesitabamos para os pacientes con covid, as baixas...». Por ese motivo, di, as cifras que lograran ao longo do ano empeoraron. «Pero inmediatamente imos recuperalas», asegura.

Dos trece servizos cirúrxicos do Chuvi, o tempo de espera para unha operación só mellora en tres (cirurxía cardíaca, torácica e otorrinolaringoloxía). Traumatoloxía segue sendo a especialidade na que máis tardan as operacións: 103 días, vinte máis que hai un ano. En Povisa hai dez servizos que operan e só tres empeoran (neurocirugía, otorrinolaringoloxía e xinecoloxía). Neste hospital, o único privado que ten ao seu cargo a unha parte da sanidade pública (preto de 130.000 persoas), traumatoloxía é tamén o servizo máis lento, cunha demora de 86 días.

Puente destaca que só hai oito cidadáns agardando máis dun ano unha intervención e lembra que os casos realmente graves teñen unha resposta inmediata. As operacións de prioridade 1 (cancros tardan 20 días no Chuvi e 12 en Povisa, que é incluso menos que hai un ano.

O ano pasado, os hospitais públicos fixeron 28.300 operacións, das que 23.562 foron programadas e o resto urxentes. Son practicamente as mesmas que no 2020 e 8.000 menos que dous anos antes. Delas, hai 5.000 que segundo o Sergas non se contabilizan por unha cuestión estatística (as inxeccións intravítreas de oftalmoloxía, que antes se computaban na lista de espera). De modo que a perda real é de 3.000.

Consultas co especialista

Nas consultas co especialista, a situación non empeorou tanto. Das persoas que agardaban unha consulta cando se fixo o corte dos datos, o 31 de decembro, a media levaba agardando 41 días, exactamente o mesmo dato que hai un ano, que mantén unha melloría de dez días sobre o 2019. E iso a pesar de que agora hai máis enfermos agardando. Un total de 33.065 persoas agardan que o especialista os vexa por primeira vez, 9.000 máis que un ano atrás. A maior demora tena o servizo de dermatoloxía, con 48 días de media para cada consulta.

O Sergas non fai pública a lista de espera para unha consulta co especialista en Povisa.

As consultas externas do hospital creceron nun 8% no 2021, ata acadar as 782.813. En atención primaria foron sete millóns. «Son moitas máis consultas, en parte porque no 2020 tivemos o parón do confinamento, pero tamén porque se incrementou a actividade e fíxose autoconcertación», engade Puente, en referencia ás horas extras (peonadas).

As probas melloran

A gran maioría das probas diagnósticas están mellor agora que un ano atrás, aínda que case todas están peor que antes da pandemia. O tac ten unha espera de 69 días, a resonancia de 94, a ecografía abdominal de 120, a endoscopia dixestiva (colonoscopia e gastroscopia) de 39 e o PET de 20, entre outras. «Traballouse moito na optimización dos equipos», di o xerente.