Un museo de cine autobiográfico en Vigo

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O proxecto presentado na Filmoteca Española tivo os seus inicios na dixitalización de películas domésticas e agora crece con producións de destacados autores do xénero

28 ene 2020 . Actualizado ás 17:28 h.

O arquivo de cine doméstico que o colectivo vigués A Cinematográfica, que coordinan Pablo Gómez Salga e Xisela Franco, puxo en marcha fai cinco anos, axudando a reconstruír a memoria colectiva da identidade galega a través das primeiras películas filmadas na historia do cine documental caseiro, acaba de dar un paso de xigante.

Desde a semana pasada, e vinculada á mesma plataforma de xestión cultural, está a funcionar o MOCA (Museo Online de Cine Autobiográfico), un proxecto moito máis ambicioso que se presentou esta semana na presentado esta mañá na Filmoteca Española e xa está dispoñible na rede.

museomoca.com

O seu director, Pablo Gómez Salga, lembra que cando iniciaron a actividade todo era tan doméstico como o contido das pelis: os métodos, os recursos e un equipamento bastante precario, «ata que conseguimos un patrocinio, o da empresa lucense Cafés Candeas. Estivemos tres anos traballando xuntos ata que no 2019 xa temos pensado un proxecto conxunto, desenvolvido en horizontal, en torno ao cine doméstico». Tras barallar varias ideas, a que máis callou foi a do cine autobiográfico e Gómez Salgas explica por que: «Démonos conta de que levabamos anos escoitando historias en primeira persoa da xente que viña recoller as súas pelis. Primeiro cando chas daban, pero despois dixitalizábalas e antes de devolverllas víalas con eles e empezábannos a narrar o que había detrás desas imaxes. E aí démonos conta de que no cine doméstico, que parece que sempre retrata as mesmas escenas, todas as historias eran diferentes», relata. Desa experiencia, como espectadores de persoas que entraban en contacto coas súas emocións ao contemplar escenas do seu pasado, naceu a idea do museo porque o cine doméstico está vinculado ao xénero autobiográfico e o museo é ese lugar onde exhibir vidas coma se fosen obras de arte, mesturando cultura popular e arte contemporánea, que é a parte das exposicións do proxecto.

Bolsas de 4.000 euros

O MOCA é o primeiro museo virtual deste tipo no ámbito hispano. A súa actividade susténtase sobre catro patas: as exposicións, organizadas en mostras anuais, a colección propia de cine doméstico, dúas bolsas anuais de produción de obra cinematográfica autobiográfica, e unhas xornadas para reflexionar sobre este fenómeno artístico.

As bases das bolsas de creación ao redor deste xénero (dúas bolsas dotadas con 4.000 euros cada unha) colgaranse en breve na web. Gómez Salga comenta, apaixonado co proxecto, que é «un xénero moi chulo, con subgéneros como a carta, o testamento, o caderno de viaxe... que ao final contan historias desde o pacto da verdade, desde a subxectividade do que o viviu de tal ou cal xeito, pero sendo sincero consigo mesmo. Son historias alleas pero que nos fan conectarnos porque ao final falan de experiencias polas que pasamos todos, vinculadas ao medo, a identidade, a sexualidade, a morte e a vida». O director destaca tamén a valentía dos patrocinadores porque as marcas adoitan estar polo labor de retratar só a parte fermosa da vida, «pero eles collen o pack completo, a máis luminosa e a que non o é tanto», valora.

Mentres, os profesionais vinculados ao sector audiovisual da Cinematográfica seguen traballando sobre o patrimonio audiovisual que representa o cine doméstico, con máis de 15.000 metros de películas domésticas dixitalizadas ata agora.

Cada domingo colgarán unha estrea

A primeira mostra: Toronto en primeira persoa, está comisariada pola investigadora e cineasta viguesa Xisela Franco, que seleccionou unha vintena de películas persoais de doce autores canadenses. Para empezar, a creadora elixiu a obra de Rick Hancox (Toronto, 1946), un autor que leva tres décadas facendo cine en primeira persoa e é un dos máximos representantes deste cine no Canadá. Dous dos seus traballos máis destacados, House Movie e Waterwork, están dispoñibles para o seu visionado gratuíto no MOCA ata o 1 de febreiro. E hou colgarase unha nova. cada domingo, unha estrea. Nas semanas sucesivas e ata o mes de xuño iranse publicando obras doutros cineastas canadenses como Phil Hoffman, Mike Hoolboom ou Francis Duran.