O xuíz admite a trámite a demanda da Fiscalía contra Audasa por abusos ao consumidor

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

A sala fai un chamamento aos usuarios afectados para que se presenten no preito

12 dic 2018 . Actualizado ás 16:12 h.

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite a demanda de xuízo ordinario presentada pola Fiscalía contra a concesionaria da AP-9, Audasa, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A demanda presentouse en exercicio da acción colectiva de cesación en defensa dos consumidores e usuarios polo que considera prácticas abusivas da empresa. O Ministerio fiscal sinala que cobrou as peaxes íntegras durante os «polo menos tres anos, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018» que duraron as obras de ampliación da autoestrada na contorna da ponte de Rande.

A sala tamén acorda no seu auto realizar un chamamento a presentarse no proceso a quen teñan a condición de prexudicado por ter sido usuario do servizo que deu orixe á demanda co obxectivo de que fagan valer o seu dereito ou interese individual. Así, decreta a publicación da admisión da demanda en dous diarios. O chamamento suspenderá o curso do proceso por un prazo de dous meses. O inicio do cómputo deste prazo comezará a contar o día seguinte á publicación do chamamento nos diarios.