A exitosa traxectoria do Deportivo nas últimas semanas parecía cimentarse na solidez defensiva apostando por un bloque máis baixo e a aparición dos seus xogadores diferenciais de xeito individual. Fóra do virtuosismo no xogo posicional visto no inicio de competición, habemos de recoñecer a capacidade para reinventarse de Antonio Hidalgo.
Ante o Ceuta, o técnico catalán volveu introducir dous cambios no seu once: Mulattieri e Dani Barcia volvían á titularidade no xa coñecido 1-3-5-2 asimétrico, dando liberdade a Noubi no perfil dereito con Luismi Cruz incorporado ao carril central.
O plan, como nas últimas xornadas, semellaba ser o de transitar a condición de que a precisión permitise, pois as imprecisións branquiazuis multiplicábanse conforme avanzaba o partido, impedindo unha circulación fluída e pouco enfocada na profundidade.
O Ceuta atopaba os espazos necesarios tras roubo para inquietar a Germán Parreño en máis dunha ocasión, mentres que o Depor unicamente xeraba coas aparicións do 10, suficientes para que os herculinos se fosen ao descanso por diante.
Tras o paso polos vestiarios, poucas ou ningunha modificación táctica e de nomes, mentres que o cadro ceutí seguía roldando a portería branquiazul, tanto que rematou rozando o empate e incluso merecéndoo, sendo honestos.
Gustoume a achega de Stoichkov nunha posición que é bastante coñecida para el, máis aló da súa tanto tras unha magnífica asistencia de Barcia e a posterior definición exquisita do gaditano. O cadro de Hidalgo sufriu en demasía, froito da falta de eficacia para portería e dun Ceuta que nunca lle perdeu a cara ao encontro.
Sendo positivos, poderiamos afirmar que o conxunto branquiazul acadou a madurez necesaria para maximizar os erros do rival e minimizar os propios; e como exemplo as catro vitorias consecutivas. Con todo, ademais de ser cauto recoñecendo a fiereza desta competición, baixo a miña humilde opinión necesítase perfeccionar a proposta actual para ascender directamente nunha das ligas europeas máis igualadas. Mentres tanto, gocemos.