
Un control de ouro do mediapunta pon a guinda ao segundo amigable
26 jul 2025 . Actualizado á 22:29 h.A Zakaria van os comezos. Iniciara a súa etapa como deportivista, alá polo mes de febreiro, con dous goles en cinco titularidades. Agora, camiño de agosto, volveu das vacacións con tres máis nos dous primeiros amigables. Non é pouco para un equipo que busca precisamente acerto ante a meta rival no mercado. O neerlandés engádelle tamén esa agresividade que se bota de menos nun equipo de pase e talento. Na sauna do Couto a primeira parte resumiuse no efecto endiañado que Escudero lle deu ao córner para enganar ao seu excompañero Alberto, e nese desmarque que o dorsal 9 gañou ao xigante Carmona para embocar o 0-1. Para o veterano lateral zurdo tamén este é un novo comezo, esquecida a tempada que se pasou na enfermería. En Ourense foi lateral pola sombra.
Barcia, que xunto ao porteiro Germán Parreño foi o único deportivista que disputou máis de 60 minutos, prepara un ano crave na súa consolidación como central de confianza do Dépor. Na calor do Couto o seu fútbol de xeo brillou. Á falta de fútbol na sauna de primeira parte do Couto, o 0-1 chegou xusto naquilo que ao Ourense CF máis lle servira para buscar as cóxegas do Deportivo: o balón parado.
No segundo memorial Miguel Ángel, o eterno porteiro ourensán, Germán Parreño, que disputaba os seus primeiros minutos de pretemporada, apenas tivo que intervir. E Arnau Comas, co seu irmán no rival, estreou o dorsal 3 deportivista. Pero os focos enfocaron ao final a Yeremay. Para as videotecas, o seu control en carreira ao pelotazo de Patiño para librarse do seu marcador, e como deixou de pedra ao porteiro do Ourense CF e escondeulle o balón para marcar o 0-2 final. Ao canteirán abóndalle un control de ouro para resolvelo todo.
Só José Ángel, Ximo Navarro e Luis Chacón, con molestias, libráronse da calor ourensá, que si sufriron Diego Gómez e Martín Ochoa, debutantes nesta pretemporada.