
A fichaxe de Miguel polo Dépor supón a realización do soño colectivo desta familia da Silva, na que o pai foi lateral esquerdo na canteira branquiazul
02 ago 2025 . Actualizado á 18:18 h.«É tamén especial porque... Dille ti». Ángeles non senta. Aínda quedan un par de clientes tras a porta do comedor. Segue a conversación a un paso da cadeira onde José Manuel toma un respiro despois de aparcar o camión de recollida de lixo e antes de viaxar ata Cabana de Bergantiños para darlle os últimos retoques a unha casa que queren poñer en alugueiro. Intervén por veces, como agora, para animar a que o seu marido explique ata que punto Miguel está a cumprir o soño familiar: «Eu xoguei nas categorías inferiores do Dépor, nos 70, do infantil ao xuvenil, pero non cheguei nin ao Fabril». Foi lateral esquerdo, a única praza da defensa pola que, de momento, non pasou o seu rapaz. O pequeno de dous.
Martín, o maior, montou unha empresa de maquinaria, aínda que o máis coñecido na Silva, parroquia de Cerceda, é o outro negocio familiar. Ángeles atende os comensais de Casa Loureiro. A que cociña é a súa cuñada María José. Madriña da última fichaxe do Dépor, só asoma para certificar que estes días é «moi feliz». Igual que a emocionada parella disposta a repasar o camiño desde a foto que colga na parede do restaurante ata o próximo Teresa Herrera. O da estrea do benxamín como local en Riazor. A súa nai pretende estar: «Quero ordenarme para ir a todos os partidos de casa. Os domingos traballamos por encargo, e tratarei de non coller ningún os días que xogue el».
A imaxe do punto de partida é a dun infantil vestido co equipamento rosa da tempada 2008-2009, nun dos poucos encontros que disputou antes de que a enfermidade de Köhler o obrigase a parar. O problema óseo, derivado do crecemento, tívoo de médico en médico e orixinou unha conversación que non esquece o seu proxenitor. «Estabamos na rotonda de Ledoño, indo adestrar, e díxenlle que tiña que ir pensando en deixar o fútbol. Miroume serio e soltoume: “Pero non para sempre, papá”. Non conseguín volver falar ata chegar a Abegondo». Miguel pasaría ano e medio sen poder facer ningún deporte debido á lesión no pé.
Reapareceu como cadete no Bergantiños, onde se iniciou aos catro anos nas Escolas Luis Calvo, deixando outros momentos para a posteridade. «Mentres el xogaba, eu aproveitaba para facer compras en Carballo. Ás veces chegaba un pouco tarde a recollelo e pegábame cada bronca... Dáballe moito medo estar só. Agora dígolle que aquilo lle veu ben para curtirse. Que está a recoller os froitos», ri José Manuel.
O seguinte revés chegou no xuvenil do Celta, cando o cortaron tras só un ano. E logo está o do Córdoba: no seu terceiro partido saltou ao campo no minuto 15, para substituír a un lesionado, e devolvérono ao banco no 76. «El todo o aceptaba como parte da aprendizaxe. Dicíanos: “Se non xogas ben, non podes xogar”», relata José Manuel sobre ese momento da tempada que máis lle custou á súa muller. «Con 20 anos, meteu as cousas no coche e foise só para Andalucía. Paseino fatal», recoñece Ángeles.

Entusiasmada coa idea de que o seu fillo volva á aldea, onde xa pasou estas vacacións de verán, conserva os amigos do colexio e segue botando unha man ocasional tras a barra. Emocionouna o vídeo da fichaxe: «Coas imaxes de aquí, e con el falando en galego. Escribinlle: ‘‘Vaia, Miguel, como me gustou a presentación'', e contestoume: ‘‘A que si?”». José Manuel aínda non puido velo, porque estaba no camión. Quizais poña algunha péga, e o benxamín dos Loureiro contestaralle o que tantas veces cando revisan xuntos os seus partidos: «Papá, ti nunca estás contento». Agora si: «Todo o mundo nos felicita, é un orgullo que sintan como un éxito da xente de aquí o que Miguel logrou traballando e sendo humilde». Un contrato ata o 2028 co equipo das súas vidas. «Superoume». E dío feliz.