A lesión de David Mella impediralle xogar antes do final da tempada

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

David Mella
David Mella César Quian

O extremo, un dos deportivistas con máis minutos esta tempada, sofre un doenza muscular na perna de golpeo

24 abr 2025 . Actualizado á 15:57 h.

O Deportivo despídese de David Mella ata a próxima tempada. O mozo canteirán sofre unha lesión muscular na perna dereita que o manterá de baixa durante un período aproximado dun mes, polo que non volverá xogar no que queda desta Liga. Co equipo adestrado por Óscar Gilsanz virtualmente salvado en Segunda División, quedan por diante seis xornadas de competición nun campionato que finalizará a fin de semana do próximo 31 de maio e 1 de xuño.

Mella lesionouse no adestramento do mércores, cando sufriu molestias e tivo que retirarse aos vestiarios visiblemente preocupado. O xogador non participou na sesión deste xoves, senón que foi sometido a probas médicas que revelaron a importancia da doenza que padece na perna dereita, coa que golpea o balón. Agora permanecerá uns días en repouso e, en función da súa evolución, iniciará un período de recuperación con vistas xa a chegar en perfectas condicións á próxima pretemporada.

A tempada do canteirán, de 19 anos, estaba a ser moi longa. Peza capital do ascenso do verán pasado, o xogador apenas  descansou, senón que enlazou unha nova competición coa disputa do Europeo sub-19 desde as filas da selección española, onde se coroou campión. Logo incorporouse á pretemporada do primeiro equipo, que xa preparaba a primeira xornada de Liga o pasado mes de agosto. Deste xeito, Mella chegou a esta recta final de Liga como un dos futbolistas do Deportivo con máis participación (por amais dos 2.700 minutos), só superado por Pablo Vázquez, Helton e Mario Soriano, nunha cifra similar á que presenta Yeremay. Ambos son debutantes na categoría, aínda que o canario ten xa 22 anos.