O Deportivo anuncia a destitución de Irene Ferreras

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

A madrileña, despois de lograr o ascenso á liga F, abandona o club tras dous anos no cargo e co equipo en postos de descenso

23 nov 2024 . Actualizado á 23:32 h.

Primeiro Imanol Idiakez e, despois, Irene Ferreras. No prazo dun mes, o Deportivo destituíu aos adestradores do primeiro equipo masculino e feminino. Dúas figuras sobre as que asentaban os seus respectivos proxectos.

«Estamos en novembro... Creo no proceso, e, cando me sae cruz, trato de pensar que hai cousas que mellorar, pero tamén hai outras nas que estamos polo bo camiño. Síntome capaz de sacar adiante os obxectivos. A diferenza entre ascender ou descender nas últimas tempadas foi de dous puntos», recoñecera Ferreras antes da última xornada. Esa semana o Deportivo deixara claro o ultimato á madrileña: todo o que non fose unha vitoria na súa visita deste sábado ao Sevilla implicaría a súa destitución. E, tras unha reunión celebra hoxe entre os integrantes do club, comunicouse o cesamento da adestradora.

Os resultados obtidos no regreso á liga F deixaron nunha situación moi crítica a Ferreras. O equipo acumula seis derrotas en dez xornadas. E tan só un empate. Uns números que non embazan o determinante que foi a súa figura para entender o éxito do Dépor desde a súa chegada.

A madrileña recalou na Coruña no 2022. Facíao despois dunha tempada convulsa con Miguel Llorente no foco. O técnico recibira unha denuncia anónima por un suposto trato inapropiado e vexatorio pola que se lle chegou a apartar do cargo durante uns encontros. Todo iso rematou afectando a un equipo que, no canto de loitar por ascender, tivo que facelo para non baixar á terceira categoría do fútbol feminino nacional.

A chegada de Ferreras supuxo un novo comezo. Endereitou o rumbo do proxecto cunha xestión espléndida durante os seus anos a cargo do Deportivo. Á madrileña avalábaa a súa experiencia previa en equipos como o Raio Vallecano, o Valencia ou o Real Madrid, onde foi a segundo de Toril. Con ela á fronte, o conxunto branquiazul competiu desde o primeiro día.

De feito, na súa primeira tempada, o ascenso escapoulle das mans na recta final. Quedou en dúas ocasións a só un gol de logralo. A campaña pasada, e despois de unicamente perder dous encontros en toda a liga —ante o filial do Barcelona e o Espanyol—, conseguiu devolver ao Dépor a Primeira División.

«A clave do éxito foi a continuidade das xogadoras e das ideas. Tívose paciencia para deixar traballar e depositouse confianza no que se fai. O obxectivo que me marcaron foi ascender en dúas tempadas, e sentía que iamos por bo camiño en todo momento», expuxo a adestradora nunha entrevista a La Voz tras o ascenso.

Pero máis aló de todos os números e logros, Ferreras foi capaz de crear no vestiario un ambiente especial, de unión entre as xogadoras. Algo fundamental que se trasladou ao terreo de xogo.

Irene xa viviu un verán con incógnitas. Aínda que acadara os retos que lle encomendara o Dépor, o club confirmou a súa continuidade a cargo do equipo mes e medio despois de lograr o ascenso. Agora, dous anos despois da súa chegada e con pouca marxe de tempo para traballar e asentar ao equipo na nova Liga F, Irene Ferreras emprende o camiño de volta. Na súa maleta, un ascenso e o eterno agradecemento do deportivismo.