A Deportivo coroa ante a Real Unión de Irún unha tempada repleta de marcas históricas

TORRE DE MARATHÓN

O equipo de Imanol Idiakez, despois dunha segunda volta impecable, esnaquiza rexistros que levaban décadas vixentes

26 may 2024 . Actualizado á 01:27 h.

Unha vez consumado o ascenso, que era realmente o importante, o persoal marcouse como obxectivo completar a segunda volta sen derrotas. E logrouno, batendo ademais un rexistro que databa da campaña 1980-81 (en Segundo B), na que enlazara 12 vitorias e 6 empates consecutivos (agora foron 15-4). Este fito só acadárao o Racing de Santander da campaña 2021-22 que precisamente desbancou ao Dépor da primeira posición e acabouno deixando sen ascenso.

Eses 49 puntos dos coruñeses nesta segunda volta supoñen ademais o rexistro histórico da categoría. Ninguén acadara nunca esa cifra nunha primeira ou segunda fase do campionato de Primeira Federación (a marca estaba nos 46 do Castelló, na primeira parte desta liga).

Ademais, co triunfo ante a Real Unión, o equipo branquiazul conseguiu rematar o campionato gañándolle a todos os equipos da competición, polo menos unha vez. Iso si, ese postremeiro tanto dos vascos evitou que o Dépor gañase a gol average a todos os conxuntos da competición (só coa Celta Fortuna teno igualado, pero gañaría no xeneral).

Boa parte de culpa na consecución do obxectivo estivo no rendemento do Deportivo como visitante. Os de Imanol Idiakez entran na historia do club, xa que nunca ningún Deportivo lograra números tan bos fóra de casa: 11 vitorias, cinco empates e tan só tres derrotas. 38 puntos de 57 posibles.

Para rematar, tamén resaltar o papel da afección, xa que Riazor estableceu oito das dez mellores entradas de público da historia de Primeira Federación. O tope: os 31.833 espectadores que acudiron ao duelo ante o Barcelona Atlètic.