Derik Osede: «Xa pasei polo quirófano e todo saíu ben»

TORRE DE MARATHÓN

O futbolista do Deportivo móstrase animado tras romperse o tendón de Aquiles.

08 mar 2021 . Actualizado á 12:27 h.

Ante todo, moito ánimo. Así se tomou Derik Osede a lesión de gravidade sufrida o pasado domingo fronte ao Pontevedra. O central do Deportivo foi intervido da rotura do tendón de Aquiles da súa perna dereita e descansa no hospital Quirón. «Xa pasei polo quirófano e todo saíu ben», aseguraba o propio futbolista este luns a través da súa conta de Twitter.

O central quixo ter unhas palabras de agradecemento para todos os que lle transmitiron o seu ánimo e apoio: «Grazas a todas as persoas que me apoiastes nestes momentos tan duros. Agradezo de corazón as vosas mensaxes de ánimo. Desgraciadamente perdereime o que resta de tempada», comentou en redes sociais.

Tras facerse dano durante a segunda parte do duelo do Deportivo ante o Pontevedra, o defensa tivo que saír do campo axudado polos servizos médicos do club. Apenas unha hora despois confirmouse a rotura do tendón de Aquiles da súa perna dereita.

De menor gravidade son as molestias que arrastra Celso Borges, que sofre unha lesión muscular nos isquiotibiais da súa perna esquerda. O tico estará uns días con tratamento médico, pero non se dan prazos para a súa volta aos terreos de xogo.