Christian Santos: A secuencia dun gol perfecto

P.C.D

TORRE DE MARATHÓN

O dianteiro desnivelou a contenda cando apenas levaba cinco minutos no campo cun soberbio tanto

18 ago 2019 . Actualizado ás 23:51 h.

Minuto 77. Obeng, que entrara ao céspede relevando a Cortina minutos antes, iguala o tenteador tras un cabezazo libre de marca. Riazor engurra o ceño. A vantaxe de dous goles habíase evaporado. Koné anotara primeiro -tras intervención do VAR- e Aketxe, tras un gran golpeo aumentase unha vantaxe que se diluía. E o tempo corría xa en contra. Pantasmas pasadas sobrevoaban a bancada.

Minuto 83. Koné, que asinara un gran primeiro acto e aberto o marcador, retírase do céspede. Anquela dálle os últimos minutos ao venezolano Christian Santos. Busca frescura arriba para o arreón final. 

Minuto 88. Voa un balón, que Lampropoulos golpea en longo desde campo propio, na órbita de Santos. O ariete eleva a perna esquerda para tirarlle un chapeu a Carlos Hernández cun control orientado dos que merecen repetición. Hernández morde o pasto. Christian apenas deixa tempo para o suspiro. Segundo cae, engánchaa coa zurda para situala lonxe do alcance de Alfonso Ferreiro. Un golazo que eleva ao Deportivo no marcador. Que ben vale tres puntos. Que desatou á bancada. E que suma un máis entre os de elegante factura que acumula Santos.