O Dépor encara o Teresa Herrera na súa peor seca estival este século

TORRE DE MARATHÓN

EDUARDO PEREZ

Con só sete goles, o equipo de Anquela é o que suma menos tantos anotados na pretemporada, que pecha hoxe en Riazor ante o Betis

10 ago 2019 . Actualizado á 05:00 h.

Deportivo e Betis mídense esta noite (21 horas, LaLiga TV) na edición número 74 do Teresa Herrera, última proba antes de comezar a tempada ante o Oviedo. A pretemporada é un escenario de escasas certezas, pero se Rubi e Anquela tivesen que mollarse, probablemente vaticinarían un duelo de poucos/pouos goles.

É unha intuición lóxica atendendo á pretemporada do Dépor. Sete dianas. O ano pasado sumáronse 11. No 2017 chegouse a 37. Un ano antes foron 23 e na pretemporada do ano 2015 o equipo alcanzou os 16 tantos.

Máis. O despedimento de Fernando Vázquez puxo patas para arriba ao Deportivo, que regresaba a Primeira a finais de agosto do ano 2014. O equipo foise de xira por Colombia para medirse ao Santa Fé e aos seus homónimos de Cali onde non logrou gañar. Máis tarde iniciou unha mini xira portuguesa que lle levou a medirse ao Académica de Braga e ao Sporting de Braga. Tampouco obtivo vitorias. Despois virían o Racing de Ferrol, o Nacional de Montevideo, o Sporting de Xixón, un derbi con derrota ante o Celta e un último choque ante a Ponferradina. O novo Deportivo de Víctor Fernández volveu das súas vacacións transmitindo malas sensacións ao conseguir anotar tan só dez tantos. Só os nove goles do 2010 empeoraban ese rexistro en todo un século XXI en branquiazul, que viu estíos de ballóns goleadores. Foron 22 no 2013, 18 no 2011, 32 no 2007 e máis de corenta no 2004.

O Deportivo de Juan Antonio Anquela logrou -á falta do partido de hoxe- sete goles. Fíxolle dous ao Fabril no primeiro test tras as vacacións, un ao Racing de Ferrol, dous ao Tenerife (un deles de penalti), outro á Ponferradina (tamén desde os once metros), e un ao Unionistas tras, talvez, o peor exercicio defensivo feito por un rival no que vai de pretemporada. Ante o Pontevedra -aínda que é certo que no duelo ante os granates e o Tenerife disputáronse só 45 minutos- non logrou marcar.

«Quizá non soubemos manter o nivel ofensivo, pero melloramos en certos aspectos que van ser esenciais para cando empece a liga», recoñecía Dani Giménez desde a sala de titulares de Abegondo. Ninguén, aparentemente, parece demasiado preocupado. E o certo é que esta pretemporada serviu, sobre todo, para coñecer as posibilidades futuras dos hoxe fabrilistas.

O Deportivo anotou no que vai de pretemporada 1,17 goles por partido, pero conta tamén cun dos mellores rexistros defensivos dos últimos tempos cunha media de 0,33 tantos recibidos por choque. Nos últimos dez anos, só mellora esta cifra a pretemporada do 2011 con Oltra á fronte (0,29 goles por partido).

E postos a comparar, os números de Anquela en defensa superan amplamente o balance entre goles a favor e goles en contra aos proxectos que alcanzaron unhas cifras similares en anotación. Tanto o Dépor de Víctor Fernández como o do curso 2010-2011 encaixaron unha media dun gol por encontro nunha serie de partidos. Ese 2010, foi o último Deportivo de Lotina que enfrontou unha serie de amigables dos que só logrou gañar ao Pontevedra e que incluíu síntomas desalentadores como a derrota ante o Lazio (3-1) ou un empate ante o Unión Berlín (3-3). Aquel equipo descendeu a Segundo e o da campaña iniciada por Víctor Fernández e pechada por Do Amo salvaría os mobles in extremis.

Poida que as pretemporadas vallan para moito, pouco ou nada. Pero vistas con perspectiva, aqueles dous veráns de birlos foron sintomáticos. Talvez tamén o sexa o que dirixe Anquela. Un equipo para mellorar en ataque, pero que bota o ferrollo seguindo de corrida o manual do seu técnico.

Anquela: «Espero moito os rapaces»

«Para min as sensacións son máis que positivas. Estamos a descubrir xente que non sabiamos que estaban aí, como os rapaces. Estamos a dar un bo nivel. A ver se somos capaces de armar un bo equipo». A Juan Antonio Anquela está a gustar a pretemporada do Deportivo. Especialmente, a que están a protagonizar o xogadores do filial que está a empregar como reforzo. «Espero moito os rapaces. Cada día están a demostrar o que levan. Hai bos futbolistas, capaces de competir. Se teñen que xogar, xogarán, téñoo clarísimo», manifestou onte o técnico en sala de prensa.

O adestrador branquiazul referiuse á cita desta noite. Encontro para dirimir un trofeo Teresa Herrera que cualificou como «moi bonito», fronte ao rival de maior envergadura da fase preparatoria. «Imos xogar contra un grande equipo, que sabe o que quere e xoga ben ao fútbol. É evidente que vai ser complicado. A ver se somos capaces de competir a bo nivel», sinalou o míster. Con todo, descartou que o choque co Betis faga palidecer os demais birlos estivais: «A todos os equipos trátoos con moito respecto. Xogamos partidos en pretemporada dos que se poden sacar moitas cousas. Partidos case de competición».

 

Seguiu resistíndose Anquela a dar pistas acerca do seu modelo para a competición oficial. «As ideas practícanse na Play Station, daquela a iniciativa do futbolista non lla vou a cortar xamais. Quero un equipo ousado, atrevido, que intente xogar o máis lonxe posible da nosa portería. Se tivese equipos dos que fixeron historia no fútbol, podería dicir “quero isto”, pero eu o único que quero é competir, tendo a toda a xente implicada», subliñou.

Segue pendente de completar o persoal e «mentres o mercado leve como en España todos os equipos estamos en probas. Poden pasar moitas cousas, espero que a nós pásennos e sexan boas».

Aliñacións probables

Deportivo: Dani; Bóveda, Somma, Lampropoulos, Cabalo; Bergantiños, Gaku, Galán, Aketxe; Val e Koné.

Betis: Joel; Barragán, Bartra, Sidnei, Pedraza; Carvalho, Javi García, Canales; Tello, Fekir e Loren.