Sen Quique na final de Elxe

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

Martí medita como suplir ao goleador, lesionado para o desenlace ligueiro

30 may 2019 . Actualizado á 09:53 h.

As alarmas saltan no Deportivo, que queda sen Quique González cando non pode fallar para empolicarse ás prazas de promoción. O dianteiro, que tivo que pedir o campo no partido do pasado luns, sofre unha lesión muscular na coxa dereita e perderase con toda probabilidade as dúas últimas xornadas, nas que o seu equipo, sétimo clasificado, debe gañar e agardar a picada do Cádiz, o Mallorca ou o Málaga.

Para empezar, tras o emocionante triunfo contra o Mallorca, o equipo coruñés está obrigado a sumar outros tres puntos na súa visita do domingo (20.00 horas, LaLiga 123 TV) ao Elxe. Esta vez sen o seu principal goleador.

Carlos Fernández só ou acompañado en ataque?

Autor de 16 tantos en 36 partidos, a principal incógnita a resolver será coñecer se a baixa de Quique provocará que José Luis Martí modifique o seu habitual sistema 4-4-2 precisamente nos partidos que porán a nota final á tempada. Sempre que puido contar cos servizos do sevillano (as cinco últimas xornadas) sempre o acompañou do seu compañeiro. A presenza deste permitiu a Carlos moverse con liberdade entre liñas e volverse case indetectable para as defensa contrarias. Se xoga só, estaría obrigado a asumir o rol de referencia atacante do equipo, partiría máis adiantado e quizá se beneficiaría o seu olfacto goleador. O penalti que transformou o pasado luns converteuse no seu primeiro tanto desde que regresou ao equipo tras a súa lesión.

A oportunidade que Christian Santos estaba a agardar

Se Martí inclínase por substituír un dianteiro por outro, Santos substituirá a Quique o domingo en Elxe. Ben pensado, xa se decidiu polo internacional venezolano na última xornada, cando á desesperada nos vinte minutos finais deulle entrada en lugar de Val e desprazou ao valisoletano á banda dereita, con Cartabia na esquerda. Ata o de agora o paso de Christian pola Coruña só se pode cualificar de anecdótico, con apenas 686 minutos de xogo (seis veces titular) e tres goles marcados. Unha bagaxe moi afastada das expectativas do pasado verán, cando renunciou a un zumento contrato no Alavés en busca de minutos no Deportivo.

A polivalencia de Borja Valle para acompañar a Carlos

A de Santos non é a única posibilidade para acompañar a Carlos Fernández en ataque. Tamén Borja Valle pode abandonar a súa habitual posición na banda esquerda, onde Martí está a alternalo con Nahuel, para xogar como nove. Este non é o papel habitual do berciano no Deportivo, pero si que xogou aí na recta final da pasada tempada, cando ata marcou tres goles: un que valeu o triunfo contra o Athletic e dous ao Vilarreal.

Reforzar o centro do campo con Vicente Gómez ou Mosquera para liberar a Expósito

Se Martí decídese por variar o esquema e xogar cun só dianteiro, dispón de dúas posibilidades. Unha sería incorporar un dobre pivote coa entrada de Vicente Gómez, que contra o Mallorca xogou o último cuarto de hora e ata dispuxo dunha clara ocasión, ou Mosquera, descartado entón da convocatoria, pero titular na estrea do técnico contra o Osasuna, onda Bergantiños. Esta posibilidade adiantaría a Expósito á mediapunta, unha posición á que se adaptou que dá xenio durante a etapa de Natxo González.

Cartabia ou Vítor Silva na mediapunta, con Nahuel ou Pedro, de volta ao once

O adestrador balear tamén podería dar entrada ao once ao único mediapunta puro de que dispón, Vítor Silva, quen xa foi titular contra o Estremadura, aínda que foi substituído ao descanso tras o 0-1 con que se chegou. Outra posibilidade sería desprazar desde a banda ao centro a un Fede Cartabia especialmente participativo na recente xornada, ou a Nahuel, aínda que a gran fortaleza do arxentino é a profundidade, ou a Pedro Sánchez, autor do gol de Zaragoza e que con Martí ata xogou de lateral, pero quen o pasado luns non saltou ao campo.