Un xogador moi difícil de substituír

José Manuel Pose

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

30 may 2019 . Actualizado á 09:58 h.

É unha noticia desastrosa. Hai que ter en conta que o adestrador se inclinara por un dúo de dianteiros formado por Quique e Carlos Fernández, e que esta fora a súa única aposta. Sen dúbida, esta baixa vai trastornar moitísimo os seus plans. Haberá que ver que liña segue. Tamén é unha moi mala noticia numericamente, porque Quique non deixa de ser a referencia ofensiva, e o Deportivo queda sen ese baluarte. Haberá que ver ata que punto afecta á mentalidade colectiva do grupo, como asume esta ausencia. Porque é un xogador que calou fondo, ata o punto de que durante a ausencia de Carlos polas lesións el destacouse como piar ofensivo.

Pero Quique non só son os goles, senón tamén o traballo e a disciplina táctica. É o que se ocupa sempre da primeiro ruptura, moitas veces en beneficio dos seus compañeiros. E isto non é tan doado, porque habitualmente o dianteiro entende o desmarque en beneficio propio, pero atopar un que o faga para o equipo é máis difícil de ver. Estou a referirme ao traballo que fai para os seus compañeiros e ao servizo do equipo de forma desinteresada. Incluso no plano defensivo. É un xogador moi voluntarioso e con difícil substitución neste Deportivo.