Tres goles para asinar a primeira vitoria no novo San Mamés

Álvaro Vega

TORRE DE MARATHÓN

LOF

O Deportivo volveu recibir un gol olímpico en Liga 22 anos despois

14 abr 2018 . Actualizado á 23:38 h.

Triunfo vital de necesidade para o Deportivo (2-3) en Bilbao -primeiro que consegue no Novo San Mamés- para seguir soñando coa permanencia, e fronte a un Athletic ao que lle adoita tomar a medida no aspecto ofensivo, marcando en 17 dos seus 19 últimas visitas ligueiras á Catedral.

Entrou enchufado Adrián López, que antes do cuarto de hora anotara o seu segundo dobrete do presente campionato, despois do que conseguiu hai tan só oito días fronte ao Málaga CF. O asturiano acada así as 26 dianas como deportivista en competición oficial (21 en Liga máis 5 en Copa). O primeiro dos goles redondeaba a cifra de 1.400 recibidos polo Athletic como local en Liga.

Ao comezo da segunda metade o partido toleou, primeiro co gol de Raúl García (1-2), contestado pouco despois por Borja Valle (1-3), que se estreaba como goleador na máxima categoría, antes de asistir a un gol olímpico anotado por Markel Susaeta (2-3), que foi precisamente o autor do anterior tanto de córner directo visto na nosa Liga (27/04/2014 ao Sevilla); hai que retroceder ata a campaña 1995/96 para atopar o anterior gol olímpico sufrido polo Dépor, co sevillista Davor Suker como protagonista.

No puramente matemático, o resultado deste encontro supoñen para o Deportivo redondear o seu rexistro de 100 partidos a domicilio marcando e recibindo dous -ou máis- goles, así como o de 400 encontros fóra de casa marcando e recibindo gol.