O salvador pacto do Manxar

TORRE DE MARATHÓN

KOPA

Varios protagonistas da reacción do Dépor no 2008 lembran a reunión mantida con Lotina no restaurante coruñés, que serviu para instaurar a defensa de cinco e un cambio radical

20 feb 2018 . Actualizado á 20:14 h.

Hai pouco máis de dez anos, o Deportivo vivía unha situación parecida á actual. Ocupaba a penúltima praza na táboa, con 17 puntos tras 20 xornadas (os mesmos que agora con 23), a cinco da salvación. A escuadra branquiazul acababa de perder en Almería por 1-0 e Miguel Ángel Lotina buscaba un golpe de efecto.

Foi entón cando falou cos seus xogadores e citounos para xantar no restaurante O Manxar. Quería analizar a situación, intercambiar opinións e buscar solucións. Á reunión acompañouno Ribeira, por parte do corpo técnico, e en representación dos xogadores estaban Manuel Pablo, Valerón, Sergio, Lopo, Riki e Juan Rodríguez. No transcurso do encontro chegouse á conclusión de que había que apertar en defensa e que a zaga de cinco podía ser unha boa solución. Así se selou o pacto do Manxar.

«O míster quería saber o que pensabamos para, entre todos, darlle unha volta de porca á situación. Faláronse moitas cousas. Non é, como chegou a dicirse, que os xogadores lle impuxésemos nada. Só analizamos o que estaba a pasar e concluímos que había que asegurarnos máis atrás. Falouse da defensa de cinco, pero como unha opción. Logo foi Lotina o que estudou a posibilidade e dispuxo a orde táctica», explica Sergio, aínda capaz de visionar perfectamente a imaxe: «Véxome coma se fose agora sentado alí co míster enfronte nunha mesa do Manxar», explica.

Aquela reunión, máis aló da anécdota, serviu para que o equipo despegase. Nos dez seguintes partidos sumaría 8 vitorias, 1 empate e só perdería un partido. Entre os triunfos destacan o cultivado ante o Madrid e o Barcelona. «Todos tiñamos claro que había un problema defensivo. Corrixiuse e confluíron unha serie de circunstancias como que xogadores que non estaban a render ao nivel agardado deron un paso á fronte, chegou Wilhemsson... E os resultados tamén axudan. Enganchamos algúns bos resultados e logo recuperamos a confianza perdida», subliña Manuel Pablo.

Para Lopo, outro dos participantes, o máis importante era «saír da dinámica negativa que arrastrabamos». E explícase: «O míster meteu novos xogadores, cambiou a ningún de posición, deu un xiro a todo... Fixo unha especie de borrón e conta nova. E iso serviu para reengancharnos».

O primeiro encontro daquela serie positiva foi en Riazor contra o Valladolid, cunha previa da afección indo animar ao equipo ao hotel de concentración: «O ambiente fora tremendo. A xente fóra do hotel dándonos ánimo. Logo no campo non pararon nin un minuto de animar... Cando te atopas así, iso lévate a dar máis aínda do que podes», salientan os protagonistas.

Entre os futbolistas que co cambio tiveron máis oportunidades está Antonio Tomás, que lembra tamén aquel ano: «Tiñamos máis equipo do rendemento que estabamos a ofrecer. A clave non foi só xogar máis protexidos atrás, senón que iso serviu para cambiar todo un pouco. Entramos xogadores con menos oportunidades, outros deron máis nivel e a mentalidade en xeral cambiou. Acabamos en Intertoto», apostila.