Xa non se pode fallar», frase coa que onte advertía La Voz de Galicia nunha información asinada por Xurxo Fernández, ofrecendo ao lector unha exposición real sobre a situación na táboa do conxunto deportivista. Sinalábase a relación e campos onde o Deportivo terá que intentar solucionar a partir de agora o seu futuro, posto que o acadado ata o momento pertence ao pasado, como se sinalaba nun Punto de Mira publicado fai un par de días.
Isto de «Xa non se pode fallar», resulta unha advertencia moi oportuna porque o descenso se converteu nunha ameaza real e non se debe tratar de disimulalo posto que a ameaza aumentou onte mesmo co empate do Almería fronte ao Vilarreal.
A situación do Almería
Non esquezamos que o equipo almeriense confía (?) en que se lle restitúan os 3 puntos da sanción imposta e contra a que teñen elevado un recurso. En caso dunha igualada final a puntos, a gol average dálle vantaxe ao conxunto andaluz sobre o Deportivo, posto que en Riazor gañaron os almerienses (0-1) e o Deportivo non pasou do 0-0 na volta. Isto parece unha película, pero é realidade e por iso resaltamos o aviso de que «Non se pode fallar», á vez que lembramos unha vella e popular frase escoitada cando por aquí pasaban os circos; nos números dos trapecistas advertíase que «calquera descoido, pode custarlle a vida ao artista». Pero aquí non falamos de circo, aínda que esa frase circense válenos para insistir no risco que axexa ao equipo coruñés.