David Vilares: «Para min presentar en directo o ''Tarde piaches'' é unha gozada»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O presentador David Vilares, no parque José Martí de Oleiros
O presentador David Vilares, no parque José Martí de Oleiros CESAR QUIAN

Aproveita calquera ocasión para volver a Cadoalla, a súa aldea en Becerreá

04 sep 2026 . Actualizado a las 11:44 h.

David Vilares (Becerreá, 1996), comezou o verán dando o pregón das festas da súa vila polo san Xoán. «Foi unha experiencia marabillosa que me encantou», lembra. «E foi todo perfecto: comecei co pregón, tiven a casa chea de convidados entre amigos e familia, e rematei gañando unha piscina e unha grella na discoteca do pobo», conta. «Foi un San Xoán redondo», resume rindo. Neste verán está traballando arreo, coa gravación dunha serie de época para TVG na que é o protagonista e as fin de semana no Tarde piaches, que produce Voz Audiovisual e se emite nas tardes das fins da semana.

—Como vai indo este verán?

—Estou traballando como nunca, porque fágoo de luns a domingo. Para min presentar en directo no Tarde piaches é unha gozada. É unha pasada, porque o directo é súper divertido, porque sabes que o que pasou, pasou. É así. Non hai forma de repetir. Entón estou na miña salsa. Por riba con Silvia Jato e con Isabel Blanco penso que facemos un equipo súper guai, porque creo que se transmite tanto ao espectador o bo ambiente que hai entre todos e o ben que o pasamos. Ademais teño a sorte de que me dan certa liberdade, para soltar as miñas peroratas, as miñas saídas, botar retrancadas as que queira e, claro, pásomo pipa.

—Que é o que máis lle gusta destes meses?

—Neste verán non teño tempo para ningunha afección porque, non teño tempo. Pero a min o que máis me gusta facer é ir de verbena.

—Ten predilección por algunha orquestra?

—Por Los Satélites, sen lugar a dúbidas. Tamén me gusta moito a orquestra Cinema. Hai anos eu era moi moi seguidor da Panorama, porque ía coa miña irmá maior, e significou moito para nós. Pero agora para min hai moita xente porque o que me gusta é bailar.

O presentador David Vilares, no parque José Martí de Oleiros
O presentador David Vilares, no parque José Martí de Oleiros CESAR QUIAN

—E onde vai cada vez que quere desconectar do traballo?

—En canto teño un oquiño libre marcho para Cadoalla para a miña parroquia a estar cos meus pais, ir coa miña nai de ruta polos Ancares, facer calquera cousa en madeira, axudarlle ao meu pai a picar leña... A min é o que me gusta e o que me divirte. Este verán non me planteo facer unha viaxe a Tailandia ou a Londres. Eu para desconectar teño que acudir ás raíces, á casa que me viu nacer, cos meus veciños, como Suso que ten 101 anos e que coa saúde que ten aínda non se sabe se durará outros 100 máis, por iso teño que aproveitalo, sabes? Entón a min é o que me satisfai, volver alí á casa.

—Que recordos ten da infancia?

—A verdade é que este verán que estou tan ocupado, está tamén moi directamente relacionado coa miña infancia. Porque eu todos os veráns pasaba entre dez e quince días cos meus avós, aquí en Santa Cristina, en Oleiros. Agora levo 11 anos vivindo aquí. E estes meses lévanme sempre ao recordo de pasear cos meus avós polo parque José Martí ou polo paseo da ría ou polas dunas, ir ata a praia,... Para min Santa Cristina é outro recordo da infancia e onde se non estou en Cadoalla, é onde me gusta estar.

—Traélle moita nostalxia...

—Dáme moita mágoa que meus avós xa non estean connosco, porque sei que gozarían moito sabendo que estou vivindo pois no piso no que veraneaba con eles e véndome na tele pois coa xente que eles vían. Porque dígolle moito a Silvia e a Isabel, que eu agora estou presentando coas presentadoras que vía de neno cos meus avós e cos meus pais. E dáme moita pena non poder compartir isto con eles, pero estarano vendo dalgunha ou doutra maneira e é o importante. Cada vez que estou na tele é unha homenaxe a eles.