
O programa emítese a partir das 21.55 horas na Televisión de Galicia
13 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Presentado polo incombustible Fran Nogueira, este novo concurso Eu sei + ca ti aterra de domingo a xoves na grella da Televisión de Galicia (21.55 horas). Faino abrindo a faixa do prime time para poñer a proba a cabeza (e os nervios) de tres tríos con algo en común: poden ser primos, colegas, compañeiros de traballo... ou todo á vez! O reto? Chegar á final, acertar o código da caixa forte e volver para casa con 6.000 euros no peto. Soa fácil, verdade? Pois imos ver como se xoga…
Fase 1
Dáme o número. Unha rolda contra o reloxo na que as respostas son números exactos. Cantas provincias españolas limitan con Galicia? En que ano saíu á venda o primeiro iPhone? Cantos quilómetros de lonxitude ten o río Miño? Tes 120 segundos para ir de listo. O equipo gañador propón o primeiro número do código secreto.
Fase 2
Eu sei máis ca ti. Aquí comeza o verdadeiro pique. Escóllese un tema, lánzase un reto e... a demostrar quen é o que máis sabe en 30 segundos! Quen é capaz de dicir máis viños galegos con Denominación de Orixe? E estadios de Galicia con máis de 10.000 localidades? O equipo que gañe, engade o segundo díxito da caixa forte.
Fase 3
Dando a nota. Soa un temazo. Ailaralalá, ailaralala, ailaralalá. Esta noite hai foliada, esta noite hai serán… Si, son Tanxugueiras. Pero saberías dicir o título exacto da canción? Se fallas, pasa a quenda ao seguinte equipo. Aquí cae o trío máis feble e só quedan dous. O equipo gañador suma o terceiro número para abrir a caixa forte.
Fase 4
Unha de dúas. A cousa ponse tensa. Diante dos premedores, os dous equipos enfróntanse a preguntas de verdade ou mentira. Será certo que o bosque de loureiro máis grande de Europa está na illa de Cortegada? Terá o queixo San Simón da Costa a súa orixe na illa de San Simón? Quen chegue a catro puntos propón o cuarto número da combinación e pasa á gran final.
Fase 5
A gran final. Tres preguntas, tres oportunidades de sumar números á combinación máxica. Que ximnasta foi a primeira galega que competiu nuns Xogos Olímpicos? Cal é a única porta que se conserva da muralla medieval de Compostela? Se dás coa clave... a caixa forte ábrese e os 6.000 euros son teus!
O equipo que acumule máis puntos despois de cinco programas poderá seguir xogando outros cinco días máis. Queres participar e demostrar que sabes máis có teu cuñado, cá túa profe ou có teu veciño? Pois é moi sinxelo: envía un correo cos teus datos a seimaiscasting@crtvg.gal e prepárate para brillar este verán na televisión. Se prefires ver como compiten os máis ousados, sintoniza de domingo a xoves a Televisión de Galicia.