«O Chirimbolo», da orquestra Os Satélites, gaña o concurso da canción do verán da CRTVG
TELEVISIÓN

Trátase da orquestra máis antiga de Galicia, con máis de 80 de traxectoria
12 jun 2025 . Actualizado a las 13:23 h.A orquestra Os Satélites gañou o concurso A Canción do Verán 2025 da CRTVG co seu tema O chirimbolo, que entrará a formar parte da banda sonora dos medios galegos durante os vindeiros meses de verán.
O xurado da novena edición do concurso estivo composto por Fernando R. Ojea, director de Contidos da Corporación; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG; Natalia Penas, xefa de Contidos da Radio Galega; e os cantantes e xurados do concurso A Liga dos Cantantes Extraordinarios Roi Casal e Carolina Rubirosa.
O xurado salientou a calidade musical das propostas presentadas e a realización dos vídeos que as acompañan, que en cada edición é máis coidada. A deliberación foi complexa entre varios temas favoritos, aínda que ao final a decisión se decantou polo merengue estival O Chirimbolo, dos Satélites, que xa se pode ver nas canles e redes sociais da Corporación.
Os Satélites é actualmente a orquestra máis antiga de Galicia, con máis de 80 anos de traxectoria, e segue a contar cunha completa banda de músicos profesionais.
O premio do concurso A Canción do Verán, que cada ano convoca a CRTVG, está dotado de 1.500 euros e a visibilización durante todo o verán do tema gañador en todas as canles dixitais, de televisión e radio dos medios públicos.