Patrocinado por:

O «smartphone», ata na boca

LECER\

O cepillo de dentes electrónico máis avanzado conéctase ao teléfono móbil por Bluetooth, inclúe detector de posición e de forza e, a través dunha app, dá consellos e revela as zonas que quedaron sen limpar

11 dic 2018 . Actualizado ás 09:19 h.

A teoría é que debemos usar menos o móbil; a realidade é que a tecnoloxía avanzou ata tal punto que agora podemos limparnos os dentes co noso smartphone. Ou, para ser máis exactos, mirando a pantalla do teléfono. Esa é a proposta de Oral-B co seu modelo Genius 10000, un cepillo electrónico con control de presión que avisa e reduce a velocidade cando exercemos demasiada forza e aconsella como facelo máis suavemente.

Esta marca, propiedade da multinacional estadounidense Procter & Gamble, levou ao límite a dixitalización dun obxecto de uso diario como o tradicional cepillo de dentes. O Genius 10000 comunícase por medio de Bluetooth co móbil e, a través dunha app, podemos ver a zona da boca que estamos a limpar (ten sensor de posición) e avísanos se rematamos e debemos pasar á seguinte.

O cepillo conta cun temporizador de 2 minutos que advirte mediante unha pequena vibración que debemos centrarnos noutra zona da boca cada 30 segundos. O smart ring, un anel con tecnoloxía led situado na parte superior, pódese personalizar en doce cores diferentes (tamén a través da app) e ilumínase en vermello cando aplicamos unha presión excesiva sobre os dentes.

O Genius 10000 dispón de seis modos de cepillado, entre eles os denominados PROL Clean, Blanqueado, Coidado das Encías e Sensible; tamén hai un específico para limpar a lingua. É compatible con diferentes cabezales de Oral-B (CrossAction, 3D White, Sensi Ultrathin, Sensitive Clean, Precision Clean, FlossAction, TriZone, Dual Clean, Power Tip e Ortho Care), de forma que hai practicamente un cepillo diferente para cada necesidade.

A batería de ións de litio dura máis de dúas semanas cunha carga completa e na caixa vén incluído, ademais dun soporte para colocar o smartphone na parede mentres nos cepillamos, un estoxo ríxido de viaxe. Leste permite cargar á vez tanto o cepillo de dentes como o teléfono cun só enchufe, e ten espazo tamén para dous cabezales.

O pack inclúe así mesmo unha base de carga fixa cunha bandexa para gardar os cabezales rotatorios. Aquí hai que dicir que tería estado ben que este accesorio tivese unha base de goma, para que non escorregue ao colocalo sobre o lavabo, e que se puidese elixir o lado onde se axusta a base (obrigatoriamente é á esquerda da bandexa) dependendo de onde teñamos o noso enchufe, para evitar voltas innecesarias do cable.

Un cepillo eléctrico ten moitas vantaxes, e a principal é unha limpeza bucal moito máis completa e sen esforzo. Segundo Oral B, consegue que teñamos unhas encías máis sas e elimina a placa completamente. Pero tampouco é para todo o mundo: hai que preocuparse de enjuagar e sacar o cabezal despois de usalo, e, no caso deste modelo, se queremos sacarlle todo o partido teremos que acostumarnos a colocar o móbil na base fixada á parede, iniciar a aplicación e estar pendentes das instrucións en pantalla.

O prezo dos cabezales, que se recomenda substituír cada tres meses (como calquera cepillo de dentes normal), parte duns 4 euros e están dispoñibles en packs  aforro con varias unidades (como os das coitelas de afeitar). Tamén hai cabezales compatibles doutras marcas, pero Oral B explica que os orixinais se distinguen por un acabado redondeado que trata as encías con suavidade, e teñen filamentos en ángulo e extrafinos para abarcar os intersticios entre os dentes. O Genius 10000 costas 250 euros en Amazon, pero a versión anterior (Genius 9000), practicamente idéntica, pódese atopar por ao redor de 100 euros e a marca dispón de modelos eléctricos a partir de 25 euros.