Pesca submarina recreativa e flota de baixura
PESCA E MARISQUEO
![Foto de archivo de un submarinista practicando la pesca recreativa](https://img.lavdg.com/sc/ZOGMlZRcGkm84mQfwVPnMJ0awgI=/480x/2025/01/24/00121737735902370156402/Foto/SPO004B18.jpg)
Din que a pesca recreativa submarina só dispón en Galicia de cinco meses hábiles para realizar a súa actividade, sendo a única comunidade do noso Estado que non o permite todos os días do ano.
Segundo a normativa, «practícaa da pesca marítima de recreo submarina estará permitida unicamente os sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico. No período entre o xoves e o domingo de Semana Santa, e entre o 1 de maio e o 30 de setembro poderá ser practicada todos os días». Gañáronse dous meses respecto á anterior, os comprendidos entre o 1 de maio e o 15 de xuño e entre o 15 e o 30 de setembro, e, efectivamente, en total son cinco meses.
Pero, non sei se por esquecemento, neglixencia ou intereses deliberados, non se contabilizaron os sábados e domingos do resto do ano, excepto os de Semana Santa, dando un resultado total de 58 días. Tampouco se contaron os festivos estatais ou autonómicos, un total de sete días, e tamén faltan os catro días do xoves ao domingo de Semana Santa. Todo isto suma 69 días ou dous meses e nove días. Por tanto, como se pode comprobar, en Galicia disponse en realidade de sete meses e nove días para a pesca submarina recreativa.
As licenzas de pesca marítima submarina de recreo emitidas pola Consellería do Mar no 2024 ascenden a 2.855, ás que se engaden outras con plena vixencia en augas de Galicia, as expedidas polo Estado, por outras comunidades autónomas por outros Estado da UE.
A flota costeira artesanal (artes menores ou baixura) de Galicia é a única en España, a UE e atrévome a dicir en calquera lugar do planeta, que realiza a súa actividade cun sistema baseado nun permiso de explotación para embarcación (permex), no que se pode ter ata un máximo de cinco artes ou aparellos, incluídos o marisqueo á boia e os recursos específicos, e non se poden compaxinar dous ou máis artes no mesmo día. Durante o 2024, o número total destes permex ascende a 3.431.
Para garantir unha sustentabilidade tanto ambiental, é dicir, sobre os recursos mariños, como económica e social, hai máis de 31 anos que esta flota profesional ten unha parada ou inactividade de tres meses e 14 días, os que saen da suma dos sábados e domingos de todo o ano, o coñecido e obrigatorio descanso semanal.
Estarían dispostos os pescadores recreativos submarinos a esta parada ou inactividade? Así soamente quedarían un mes e sete días para negociar, dialogar tanto coa Consellería do Mar como co sector profesional. Así creo que chegarían a bo porto e contribuiriamos todos, os profesionais e os recreativos, a manter os stock en equilibrio.