Patrocinado por Patrocinadopor

As últimas centolas de Galicia estréanse en Burela a 19 euros

Somos Mar REDACCIÓN/ LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

Pepa Losada

A flota da Mariña arrinca a campaña tres semanas despois que as da Coruña e Pontevedra

01 dic 2021 . Actualizado ás 14:38 h.

Sempre son os últimos en iniciar a campaña da centola e do boi do mar porque os ciclos biolóxicos deses dous crustáceos na costa cantábrica galega son distintos aos da atlántica. Tres semanas despois de que chegasen aos mercados desde o litoral coruñés e pontevedrés, este martes poxáronse na lonxa de Burela as primeiras centolas da Mariña. Só 135 quilos, pagados entre 5 e 19 euros, sen taxas nin impostos.

Menos marisco e máis económico que o ano pasado por estas datas, talvez porque a primeira venda do 2020 coincidiu o 2 de decembro. Tratando de ofrecerlle aos consumidores o mellor produto posible, a flota artesanal do norte lucense prefire demorar o comezo da campaña. A cantidade de centolas da estrea deste ano quedan lonxe dos 600 quilos do ano pasado, e tamén foi inferior a cotización máxima, 6 euros por baixo en quilo.

Boi, nécora, lubrigante...

Abundou máis que entón o boi, 53 quilos polos 12 do ano pasado. O quilo cotizou entre case 8 euros e 13, explicou Xusto García, xefe da lonxa que xestiona Armadores de Burela.

A catro semanas de Nadal , este martes poxáronse en Burela 36 quilos de nécora, a prezos de entre 10 e 32 euros o quilo, case iguais ao ano pasado. Apenas houbo camarón, un quilo, que se pagou a 80 euros. Non chegaron a 2 quilos os de santiaguiño, pero o seu prezo sen taxas nin impostos acadou os 113 euros. Entre 10 e 32 euros o quilo oscilaron os 31 quilos de lubrigante. A próxima poxa de marisco está prevista para este xoves.