Patrocinado porPatrocinado por

Analista da agricultura e da pesca da bisbarra

La Voz

PESCA E MARISQUEO

Cedida

27 feb 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Nado o 24 de outubro de 1954 en Ribeira, José Antonio Pérez Sánchez estudou primeiro Maxisterio e logo cursou a licenciatura en Xeografía e Historia, pasando a traballar na Consellería de Pesca. Produto da súa tese de licenciatura foi o volume As actividades agropecuarias e pesqueiras da marxe dereita da ría de Arousa, publicado en 1988, pero xa o ano anterior editara a obra A comercialización do peixe nun porto do litoral galego. Análise dos circuítos comerciais e áreas de mercado. Un caso representativo: o porto de Laxe. Fixo logo o doutorado, que deu por resultado unha nova obra: As actividades agropecuarias e pesqueiras na ría de Arousa. Dinámica e incidencia territorial, editada pola Deputación de Pontevedra no ano 1996; o estudo amplía a tese de licenciatura dun xeito moi completo para toda a ría de Arousa e, xa que logo, é unha obra fundamental para o coñecemento da agricultura e da pesca da bisbarra do Barbanza. Quen queira coñecer polo miúdo outros aspectos da pesca na ría de Arousa pode engadir a estas obras de Pérez Sánchez os traballos de R. Arnáiz e A. de Coo sobre as artes de pesca e marisqueo publicadas entre 1977 e 1990, o estudo de R. García Briones A produción marisqueira da ría de Arousa, os traballos de G. Román e A. Pérez sobre o mexilón de 1979 e 1989 ou o estudo de Pérez de Guzmán sobre As familias mariscadoras da ría de Arousa (Sevilla, 1974). Para unha visión da historia da pesca en Arousa deben consultarse os traballos de Santos Castroviejo (1990), Surís Regueiro, Varela Lafuente e Meijide Pardo.