Patrocinado por Patrocinadopor

Atunlo anuncia despedimentos nas súas plantas do Grove e Santoña

La Voz O Grove / LA VOZ

INDUSTRIA

Martina Miser

A medida cae como unha bomba entre o persoal: «Non imos aceptar este regalo de Nadal», din; o alcalde do Grove recoñece que esta noticia supón un pau para esta localidade arousá

15 dic 2023 . Actualizado ás 21:13 h.

O Nadal escurécese no Grove. A empresa Atunlo comunicou este xoves ao seu persoal a súa intención de «acometer un proceso de despedimento colectivo» -que pode ser desde o despedimento do 10 % do persoal ao peche da fábrica- no Grove e Santoña. A empresa alega «causas de natureza económica e produtiva» e enmarca esta medida no proceso de reestruturación que iniciou a firma. Polo momento, desde a mesma non se concretou «nin o número de traballadores afectados por esta medida nin os prazos previstos». En todo caso, confían en «constituír a mesa de negociación a próxima semana». E a próxima semana terá que ser, explica Mar Vila, desde a Confederación Intersindical Galega, xa que ese é o prazo estipulado por lei. Vila compareceu este venres pola mañá en rolda de prensa, acompañada dos delegados e delegadas sindicais nas dúas plantas que Atunlo ten na comarca do Salnés. Os rostros desencaixados falaban do duro golpe recibido polo persoal este xoves, pasadas as seis da tarde, cando recibiron un correo electrónico «que era unha bomba».

A situación financeira de Atunlo levaba tempo preocupando ao persoal. Os rumores sobre os problemas aos que debía facer fronte a firma cobraron forma hai un mes, a comezos de novembro, cando Atunlo solicitou entrar en preconcurso de acredores. Entón, a compaña trasladou á parte social unha mensaxe de tranquilidade: gañara tres anos para resolver os inconvenientes que xurdiran no seu camiño e iso ía garantir a estabilidade do persoal. «Nestes momentos, a xente da planta do Grove estaba traballando con certa ilusión, co convencemento de que ían saír desta como saíran doutras antes, negociando o calendario do ano que vén con certa normalidade», explicaba Vilas, contendo a duras penas a emoción. Confírmano desde Comisións Obreiras. «Tivemos varias reunións con diversos departamentos da Xunta e dixéronnos que a empresa estaba a negociar cos acredores para ter circulante. Onte mesmo [o xoves] mantivemos contactos coa empresa e non nos dixeron nada de isto», explica Miguel de María, que tacha de «falta de respecto» aos traballadores a forma de actuar da empresa.

Unha forma de actuar que non se merecen, din, as traballadoras e os traballadores levan semanas recuperando horas atrasadas, que teñen as nóminas ao día e mostraban certa confianza en que a situación na empresa só podía ir a mellor. Ata agora, cando se deron de bruzos cun anuncio inesperado. «Un gran regalo de Nadal», ironizan a representación sindical.

Ata que a próxima semana se reúna a comisión de negociación, o persoal está ás escuras: por saber, non saben nin cantos despedimentos exponse, nin que outras sorpresas pode ter preparadas a dirección da empresa. Teñen a intuición, iso si, de que a firma se garda algún as na manga porque «ata o de agora, estiveron a xogar con nós e a facernos trampas», en palabras de Mar Vilas. A representante da CIG xa anunciou que o persoal do Grove vai dar a batalla para defender os seus postos de traballo. Trátase de ao redor de 130 persoas, un grupo con moita experiencia que «mesmo foi levado pola empresa a outros centros de traballo novos para formar á xente alí. E este é o pago que reciben». Contactarán coa fábrica de Santoña, outra na que está anunciado un ERE, para intentar articular unha fronte común. «Non imos aceptar este agasallo de Nadal. A empresa quere que sexan as traballadoras as que paguen a súa mala xestión e non llo imos permitir. A parte empresarial ten que facer os seus deberes igual que os fixemos nós», conclúe.

Cacabelos, alcalde do Grove: «Se isto se confirma, moi mal estaremos a empezar o 2024»

O alcalde do Grove, José Cacabelos (PSOE) non ocultaba este venres a súa sorpresa tras coñecer o anuncio de ERE trasladado pola dirección de Atunlo ao seu persoal. «Desde que saíron á luz os problemas de tesourería, de mercados e de prezos, sabiamos que a situación non era a mellor, pero en todo caso pensabamos que era un problema transitorio», sinalaba o rexedor, que se puxo a disposición do persoal «para intercambiar información e para organizar todas as accións conxuntas que consideren para intentar salvar a fábrica». Cacabelos non oculta a súa confusión ante esta inesperada noticia. «Fai non tanto acudiamos á inauguración dunha planta para pór en marcha un proxecto pioneiro e innovador de aproveitamento dos aceites do atún... Foi un día de celebración, de compromiso e de futuro. Pero parece é que eses plans de futuro están deseñados para prazos moi cortitos, moi cortitos».

Un anuncio como o realizado por Atunlo nunca é ben recibido, pero «talvez nestas datas, que estamos máis sensibles, faise máis duro». Se se confirman as noticias, «O Grove vai recibir un golpe moi importante». «Na nosa economía o sector turístico é moi importante, pero é moi temporal. O sector conserveiro dános máis estabilidade e máis número de traballadores. Así que isto ten unha dimensión económica e tamén social para o pobo. Esta noticia é un xerro de auga fría para O Grove, tanto para as familias afectadas como para o conxunto da localidade, porque ademais estamos a falar de que hai moitas familias implicadas». «Moi mal empezamos o 2024 no Grove», laméntase o rexedor.