Patrocinado por Patrocinadopor

Caldo de ameixas envasado e listo para consumir

CONSUMO MAR

Martina Miser

Bricemar Food sumar ao I+D co apoio da Xunta de Galicia, cun proxecto para reutilizar a auga de cocción de moluscos. Os Bonos de Innovación contarán no 2023 con 750.000 euros de orzamento e ampliaranse a asociacións, fundacións e empresas do terceiro sector

12 dic 2022 . Actualizado ás 17:18 h.

Bricemar Food leva un ano en marcha. Esta peme asentada en Santiago distribúe produtos galegos, sobre todo conservas do mar de pequenos artesáns. Precisamente a elaboración destas conservas foi a orixe dun novo proxecto co que traballa esta empresa que de momento conta só con tres socios autónomos e un empregado. Maruxa Ceballos, a directora, explica que reutilizarán os millóns de litros que se desperdician na cocción de moluscos para facer un novo produto, caldo alimenticio ultracongelado, «cada día desperdícianse millóns de litros en Galicia deste produto que ademais de ter un alto valor nutricional tamén ten valor a nivel gastronómico. Usaremos esa auga de cocción para facer caldo», conta.

Farano en colaboración cunha empresa da Coruña, unha procesadora onde se envasará o caldo. É un proxecto ambicioso, explica Ceballos, que confía en que poida estar a disposición do consumidor nuns dezaoito meses. Pero falta aínda moito traballo. De momento lograron un dos Bonos de Innovación da Xunta de Galicia, unha axuda de 24.780 euros coa que levarán a cabo os estudos previos e o desenvolvemento industrial, «pero isto non é o proxecto completo porque logo falta o investimento en maquinaria e en mercadotecnia», aclara a directora de Bricemar Food. Nun principio non han pensando nunha especie en concreto, senón que, «estamos a facer probas con todos os moluscos, tanto mexillón como berberecho, ameixa ou navalla». Os plans de futuro desta peme van máis aló, porque se dedican tamén á distribución alimenticia e exportación de produtos galegos, así como á realización de eventos gastronómicos, «estamos enfocados a produtos galegos de alta calidade», conclúe Maruxa.

Novidades

O programa Bonos de Innovación consolídase no 2023 para apoiar ás empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia de negocio. Estas axudas completan as capacidades das empresas a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores, co fin de lograr un salto cualitativo na súa actividade de I+D. A Xunta achega 750.000 euros cos que quere mobilizar ata un millón e cada unha das pemes pode lograr ata 35.000 euros. As axudas son de concorrencia competitiva e cobren ata o 75 % do custo -un 50 % se se trata de custos de protección do coñecemento-. Este ano 66 empresas lograron beneficiarse destes bonos.

Como novidade para 2023 poderán beneficiarse asociacións, fundacións e empresas do terceiro sector, e as pemes que realizan bonificacións da Seguridade Social por máis de dez investigadores tamén poderán optar por primeira vez a este programa para cubrir os seus gastos de certificación.

Outro dos cambios na convocatoria do 2023 é que se simplifica o proceso de solicitude e na baremación inclúese máis puntuación para os proxectos que leven a cabo en Concellos Emprendedores, 153 en Galicia, dos que a maioría, 66, están na provincia de Ourense.