Patrocinado porPatrocinado por

O Right Whale arrastrou durante case dous minutos ao Tafra 3 tras abordalo

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

A cámara do buque factoría de bandeira de Gambia e capital lituano gravou o momento do impacto co pesqueiro galego-mauritano

15 sep 2025 . Actualizado á 20:44 h.

Un vídeo gravado pola cámara do buque factoría Right Whale, a embarcación con bandeira de Gambia de 105 metros de eslora que abordou ao arrastreiro conxelador Tafra 3, de capital galego-mauritano, recolleu o momento do impacto que se produciu na tarde do pasado venres fronte á costa de Nuadibú, en Mauritania.

Nas imaxes apréciase a proa do arrastreiro peláxico de capital lituano e capitán ruso e como este arroia ao pesqueiro con bandeira de Mauritania mentres este estaba a virar o aparello e arrástrao durante case dous minutos. Aínda que no vídeo aparece a data e a hora do accidente, non recolle a velocidade á que ía o barco, aínda que, pola rapidez en que se suceden, dá a impresión de que ía en navegación, e non estaba en arrastre. De feito, apréciase como varios membros da tripulación do buque factoría van saíndo un a un a cuberta, suponse que alertados polo estrondo do impacto, que abriu unha enorme fenda no costado de estribor do Tafra 3.

Ao visionar a gravación poden apreciarse na popa do arrastreiro conxelador galego-mauritano as malletas do aparello, o que limitaría a capacidade de manobra do arrastreiro mauritano e polo menos a dous tripulantes que estaban alí apostados realizando a manobra de recollida do aparello.

O impacto, segundo recolle o vídeo, produciuse ás 20 horas, 04 minutos e 50 segundos, e o Right Whale despraza ao Tafra 3 incrustado na súa proa ata as 20 horas, 06 minutos e 15 segundos, para despois separarse o de bandeira mauritana desprazado pola inercia do choque. Durante todo ese tempo, os mariñeiros do Tafra 3 tratan de porse a salvo. Nas imaxes pode apreciarse como dous mariñeiros situados en popa empolícanse ás redes e intentan buscar refuxio noutra zona da embarcación.

Como é sabido, o Tafra 3 —cuxo socio galego é Genaro Martínez, da empresa viguesa Baipesca—, acabou afundíndose rapidamente e dos 26 tripulantes que tiña enrolados puideron ser rescatados 21, entre eles dous galegos, Javier Gestido e José Manuel Diz, ambos de Marín (aínda que un reside en Bueu), e un onubense. Os outros 5 mariñeiros, todos mauritanos, continúan desaparecidos desde o accidente.

Arresto do capitán

Aínda que as causas polas que se produciu o naufraxio e as responsabilidades do accidente é algo que deben dirimir as autoridades mauritanas, o certo é que o capitán do Right Whale quedou arrestado tras prestar declaración na xendarmería. O patrón do Tafra 3, o veciño de Ardán (Marín) Javier Gestido, regresou ao hotel onde se aloxan os sobreviventes do naufraxio despois de dar a súa versión dos feitos.

Atendidos polos servizos consulares, os armadores preparan a repatriación dos tripulantes. Está previsto que un dos dous patróns —as fontes non aclararon cal deles— voe hoxe a Canarias para pór rumbo a Galicia. O outro permanecerá uns días no país africano.