A alcaldesa de Marín, María Ramallo, sobre os galegos do Tafra 3: «Agardo pola tranquilidade das familias que poidan reunirse con eles canto antes»
SOMOS MAR

A rexedora confirmou que os familiares dos dous tripulantes veciños do Morrazo xa contactaron con eles
15 sep 2025 . Actualizado á 21:11 h.A alcaldesa de Marín, María Ramallo, manifestou o seu desexo de que os galegos do Tafra 3, que teñen vinculación con este municipio pontevedrés, poidan reunirse coas súas familias nun breve prazo de tempo, segundo respondeu a preguntas da prensa á saída dunha reunión de alcaldes na Deputación. María Ramallo explicou que todo dependerá da axilidade das declaracións e trámites xudiciais que se teñan que facer en Mauritania, país que investiga as circunstancias do choque do Right Whale co Tafra 3 e que acabou co naufraxio deste último nun suceso no que hai cinco tripulantes desaparecidos, todos eles de nacionalidade mauritana. Os outros 21, entre africanos e os tres españois -dous deles galegos, José Manuel Diz e Javier Gestido- atópanse en Nuadibú, en Mauritania, onde tamén está atracado o barco que abordou ao seu e a súa tripulación.
Ramallo indicou: «Sabemos que se puxeron en contacto coas familias» para explicarlles como se atopaban. A rexedora lamentou este naufraxio, que cualificou de «desgraza» polo afundimento do barco e a desaparición dos cinco mariñeiros. Sobre os galegos, afirmou: «As familias están tamén intranquilas, aínda que xa puideron falar con eles, pero están á espera de que poidan verse e iso dependerá un pouco das declaracións que haxa que facer nos xulgados e demais en Mauritania».
A alcaldesa confirmou o vínculo de Gestido e Diz con Marín, aínda que sinalou que un deles vive en Bueu. Ramallo explicou que está a seguir o que está a ocorrer desde cando transcendeu o suceso. «Xa cando tivemos noticia á primeira hora da mañá do sábado, deunos de novo un envorco o corazón e ata que as informacións non se aclararon foron uns momentos tensos para as familias». A rexedora recalcou que a «rapidez das telecomunicacións» permitiron que as familias puidesen falar con eles rapidamente. No entanto, Ramallo explicou o desasosego que esta noticia causou en Marín: «Temos aí en mente unha pena horrible, que vén abundar máis neste sentido. Alégrome de que estean ben e agardo pola tranquilidade das familias que poidan reunirse con eles canto antes».
Javier Gestido e José Manuel Diz, xunto cun maquinista da provincia de Huelva son os tres cidadáns españois que estaban a bordo do Tafra 3 no momento do accidente e os tres foron rescatados e están en Mauritania, á espera de que se tramite o seu regreso a España. Javier Gestido é natural de Bueu, pero casado en Marín e vive na parroquia de Ardán, onde moitos veciños sinalaban o alivio que supuxo saber que estaba ben. Pola súa banda, José Manuel Diz naceu en Marín e vive no próximo municipio de Bueu.