O Goberno rega a industria pesqueira con 40 millóns de euros do PERTE para a súa transformación

SOMOS MAR

As compañas galegas Jealsa e Pescanova logran 5 millóns, Frinsa amarra 3,7 e Congalsa e Profand acadan 2,7
10 jul 2025 . Actualizado á 14:01 h.O Goberno rega a industria pesqueira con 40 millóns de euros dos PERTE para impulsar a transformación da elaboración de produtos pesqueiros e da acuicultura. Faio mediante o respaldo a propostas estratéxicas de 19 compañas españolas, entre elas oito referentes galegas. O xigante conserveiro Jealsa Foods e a histórica líder Pescanova lograron a máxima partida económica que concede o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, amarrando cada unha delas 5 millóns de euros. Tamén saíu ben parada a elaboradora de Xirona Ros Freskibo, que acadou outros 4,8 millóns.
A histórica conserveira de Ribeira Frinsa do Noroeste presentou ante o Goberno unha proposta que valoraron apoiar con 3,1 millóns de euros. Moi preto, na Pobra do Caramiñal, o proxecto estratéxico de Congalsa logra 2,79 millóns. Unha cantidade parecida é a que logrou a líder do sector Profand. A compaña viguesa recibirá outros 2,7 millóns para impulsar a transformación da industria de elaboración de produtos do mar desde a súa planta de Zaragoza. Salica Alimentos Conxelados, pioneira na elaboración de produtos conxelados de atún integrada no grupo Albacora, ten para gastar outros 1,2 millóns.
As dúas empresas galegas restantes que lograron irromper na lista de firmas beneficiarias do financiamento dos fondos Next Generation son Conserveiros Reunidos (Conresa) e Angulas Aguinaga, que aínda que ten a sede no País Vasco, ten os seus centros produtivos no Salnés. A primeira recibirá 866.029 euros e a segundo, 586.272.
«Con estas axudas fináncianse proxectos que melloran a competitividade, sustentabilidade, trazabilidade e seguridade alimentaria na industria de transformación da pesca e a acuicultura», asevera o Ministerio. Os proxectos están encamiñados a favorecer a eficiencia enerxética nas instalacións de procesamiento de produtos pesqueiros e reducir o impacto ambiental do sector. Entre outras dinámicas, proponse o aproveitamento de capturas non destinadas ao consumo humano e o tratamento de residuos mediante economía circular.
Anfaco pide un novo PERTE para atender a empresas que quedaron á marxe por falta de fondos
Nada máis coñecer a resolución do PERTE Mar-Industria, a patronal conserveira Anfaco-Cytma destacou o éxito da convocatoria, non en balde dos 19 proxectos concedidos, 17 corresponden a empresas adscritas á entidade. Que finalmente tivese unha dotación de 40 millóns de euros, o máximo inicialmente previsto, «pon de manifesto a capacidade do sector para liderar investimentos transformadores en materia de sustentabilidade, dixitalización e competitividade», defende a asociación, que, ademais, dá proba do «grao de madurez e preparación do tecido industrial do sector» mar-industria.
Agora ben, aínda que os proxectos seleccionados permitirán mobilizar un investimento próximo aos cen millóns de euros, «algúns proxectos non puideron acceder ás axudas por limitación orzamentaria». Por iso «cremos que é o momento de valorar unha nova convocatoria ou articular unha modificación do marco regulatorio europeo que permita repetir este tipo de instrumentos de investimento», apunta Roberto Alonso, secretario xeral de Anfaco.
O líder da patronal tamén aludiu ao traballo da asociación para poder lanzar o PERTE Mar Industria salvando os obstáculos que impuña a lexislación comunitaria para incluír á industria do mar no Agroalimentario: «A nosa reivindicación por desenvolver un instrumento específico salvando a excepción europea do Regulamento 651/2014 demostrou ser todo un éxito». E dito isto, destaca o empeño do ministerio, con Luis Planas á fronte, por sacar adiante unha convocatoria tan complexa», engadiu Alonso.