Patrocinado porPatrocinado por

Portos abordará despois do verán a reversión dos terreos dos últimos 8 concellos que o solicitaron

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CARMELA QUEIJEIRO

O presidente do ente público detallou onte o proceso abordado para que os municipios recuperen para uso cidadán terreos portuarios sen utilizar

04 jun 2025 . Actualizado á 04:46 h.

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu onte a petición propia ante a Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia para dar conta das xestións realizadas para reverter a varios concellos terreos que agora están adscritos ao ente público. Claro que a entrega non pode ser directa e o que ten que facer o organismo dependente da Consellería do Mar é entregalos ao Estado para que sexa a Administración central a que execute a reversión dese chan a titularidade municipal.

Álvarez Vidal explicou que nos últimos seis meses, Portos activou o procedemento e a día de hoxe xa pechou a proposta da reversión de 17 dos 25 concellos que o solicitaron. Para que o proceso sexa máis áxil, acordouse, en consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que se realizase por fases e fixáronse os criterios técnicos que rexerán á hora de establecer os terreos que se poden reverter ao Estado.

Na primeira fase irán os portos da Guarda, Bueu, Cambados Cangas, Foz, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso (que engloba o de Ponteceso e Corme), Oleiros (porto de Santa Cruz) e Vilanova de Arousa, explica Mar nun comunicado. Tras pasar polo Consello Reitor do ente público, pola Consellería de Facenda para a súa avaliación patrimonial e polo Consello da Xunta, as nove propostas remitíronse a Costas para que o Ministerio de Transición Ecolóxica dea o visto e prace definitivo.

Nada máis finalizar esta quenda, Portos pechou o proceso cos 8 municipios que foron nunha segunda fase: Rianxo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Laxe, Poio, O Grove, Mugardos e Moaña. Con todos eles pactouse a proposta de reversión que se presentará este mesmo mes ante o Consello Reitor do organismo dependente de Mar para seguir o resto do proceso.

Para o final, que se abordará despois do verán, déixanse os terreos en portos de Burela, Cariño, Cedeira, Corcubión, Fisterra, Pontecesures, Ribeira e Viveiro.

En sede parlamentaria, o presidente dos portos galegos destacou o clima de consenso de todas as reunións cos alcaldes dos municipios que pediron a reversión e agradeceu a colaboración institucional mostrada polos mesmos para axilizar o procedemento. «Finalmente será a Administración Xeral do Estado a que teña que decidir», sinala a Xunta no seu comunicado.