Patrocinado porPatrocinado por

Uns vermes mariños moldean a area para crear «panales» sobre as rocas da illa de Ons

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

CEDIDA

O Parque Nacional sinala que os tubos areosos quedaron á vista nunha gran baixamar na praia dAs Dornas

20 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Uns vermes mariños, da especie Sabellaria alveolata, son os responsables da construción dunhas estruturas que apareceron recentemente sobre as rocas dunha praia de Ons e que chamaron a atención de veciños e do persoal do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. Trátase dunhas estruturas que lembran aos paneis das abellas ou aos tubos dun arrecife de coral, pero que neste caso están construídos con area e, por tanto, teñen un carácter moi efémero. Non é habitual que estas estruturas tubulares queden á vista como nesta ocasión, pero unha gran baixamar permitiu que quedasen expostas.

O presidente da asociación cultural PiñeirOns, Celestino Pardellas, explicou que estas acumulacións de tubos ou celdillas areosas ocuparon boa parte das rocas da praia dAs Dornas, ao norte do peirao da illa, e que foron obxecto de curiosidade e comentarios por parte dos veciños e dos mariñeiros que se achegaron estes días por ese territorio.

O director do Parque Nacional, José Antonio Fernández, explicou que esta especie de «arrecifes» de area constrúenos estes animais, que pertencen a un «xénero de vermes mariños poliquetos da familia Sabellariidae». Fernández engadiu que nalgunhas ocasións atopáranse con grupos de tubos formados por area, pero estes atopábanse soltos e dispersos pola beira.

A curiosa significación do suceso dAs Dornas é que «en esta ocasión apareceron nunha gran baixamar na base das rochas, que seguramente estiveron cubertas pola area». Así mesmo, o director do Parque Nacional indicou que estes «panales» non están postos sen xeito nin dereito. «Os grans de arena que forman as paredes dos tubos están colocados ordenadamente, non de calquera maneira», concluíu.