Os rañeiros de Vilanova deben decidir se saen ao mar por un puñado de japónica
SOMOS MAR

A apertura das concesións segue evidenciando o problema de produción
16 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Este martes pola tarde, o sector do marisqueo á boia de Vilanova celebrou asemblea. O encontro, cuxo resultado non transcendera aínda ao peche desta edición, non ía ser doado: ao patrón maior, Lino Díaz, ía tocar dar malas noticias e ao debilitado sector do raño, dixerilas do mellor xeito posible. O asunto sobre a mesa, a decisión de abrir, ou non, as autorizacións da confraría para o sector de á boia. Chega este debate dúas semanas tarde —habitualmente as concesións ábrense coincidindo co fin do libre marisqueo— e envolta en malos agoiros: quen foi adiantándose aos vilanoveses na exploración das súas concesións fixérono, ata o de agora, obtendo ruines resultados. E esa é a condena que os vilanoveses querían tratar de eludir: a dirección da confraría chamou a todas as portas posibles buscando alternativas que lle permitise manter pechados os bancos e aseguráselle aos rañeiros uns ingresos.
Pero eses intentos, explica o patrón maior de Vilanova, non serviron de nada. Segundo explicou, os técnicos da Xunta de Galicia consideran que as autorizacións de Vilanova poden abrirse e a flota volver traballar... Aínda que con restricións. «Non nos queren deixar coller nin babosa nin fina. Con tres ou catro quilos de xapónica onde imos? Para que imos ao mar?», pregúntase o presidente do depósito. Antes da reunión mostrábase convencido de que os mariscadores teñen ganas a saír a probar. «Pero se é así, moito me temo que a xente vai aguantar un par de días e vai marchar». E cando di marchar, Lino Díaz refírese a abandonar un mar que non está en condicións de soster, como ata o de agora, a economía da costa que baña.
«O que nos din os técnicos é que hai ameixa babosa, pero que non da a talla. Que temos que esperar un pouco», explica Díaz. Pero sinala a chea do sector ante un anuncio «que levamos escoitando meses, que hai ameixa que non da a talla, que temos que esperar un pouco... Pero é que nunca chega a dar a talla», laméntase o patrón maior.
Non todo o mundo ver así. En Cambados, consideran que hai motivos para a esperanza: os rañeiros están a saír a traballar ás «zonas secundarias», deixando os seus principais bancos en barbeito: neles hai ameixa que promete acadar a talla comercial entre xullo e agosto. Segundo explican os técnicos, a situación que se verificou nas últimas mostraxes é mellor que a de anos anteriores, porque ademais do bivalvo que agora está frisando a talla comercial, ver recrutamento e unha cohorte, que, se todo vai ben, será a ameixa que se poida capturar o ano que vén.
En todo caso, a preocupación polo futuro do sector do raño esténdese por toda a ría. O luns pola tarde as confrarías mantiveron unha reunión en Rianxo na que trataron de fixar unha folla de ruta sobre que facer para intentar forzar solucións para os bancos de libre marisqueo arousáns.