As consignatarias temen que a taxa turística da Coruña derive o tráfico de cruceiros ao porto de Vigo
SOMOS MAR
A Autoridade Portuaria avanza que participará na fase de diálogo e consultas que abrirá o Concello, mentres que desde o PP se mostran críticos coa iniciativa municipal
31 ene 2025 . Actualizado á 04:50 h.O anuncio do goberno local de instaurar unha taxa turística na cidade foi recibido polo sector dos cruceiristas como un xerro de auga fría. Luis del Moral, responsable da consignataria Rubine e Hijos, considera que a medida fai perigar o tráfico destes barcos na cidade.
«O que vai conseguir o Concello é que deixen de vir. A Coruña non é un porto destino, é de tránsito, e levamos corenta anos traballando para conseguir que os cruceiros fagan escala na cidade. A súa chegada ten un retorno económico de 30 ou 40 millóns ao ano», apunta del Moral, que engade: «Non me parece mal que se queira cobrar unha taxa, pero se pagas ten que ser por unha contraprestación e neste caso non a hai. Se o cobran ás consignatarias asumiriamos nós o gasto e non os pasaxeiros» indicou. Para el, a iniciativa podería supor que a cidade perdese o liderado no sector. «Se se aplica esta medida é probable que Vigo nos gañe».
Desde a Autoridade Portuaria móstranse máis prudentes e indican que a implementación desa medida «é un asunto que nos preocupa e interésanos». Así, avanzan que participarán «na fase de diálogo e consultas que anunciou o Concello» e indican que prefiren agardar a coñecer «os detalles concretos» para emitir unha valoración.
Desde o PP móstranse críticos ante a iniciativa municipal . «Din que recadará 2,5 millóns de euros que logo non van gastar na cidade e fano sen dialogar co sector. A Coruña, cidade na que ninguén é forasteiro mentres pague por vir», apuntou onte o portavoz da formación, Miguel Lorenzo.
Desde o PP alegan que a ocupación hoteleira está nun 68% de media, segundo o sector, «polo que non parece que haxa esa saturación da que fala o goberno para xustificar a súa decisión de implantar esta taxa». Ademais, critican que para tomar a decisión o executivo local non dialogase coa súa formación. «Agardamos coñecer a documentación porque temos a mesma información que o sector turístico: nada. Pero non parece que sexa o momento de crear esta taxa».