Patrocinado porPatrocinado por

Vilares expresa en Iberconsa, con plantas e flota en Arxentina, a súa preocupación pola crise diplomática

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

xunta

O conselleiro resalta a fortaleza e a competitividade do sector pesqueiro galego, que sitúa como piares da súa presenza internacional

24 may 2024 . Actualizado á 04:46 h.

Non fai nin un mes que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, visitaron na Arxentina unha das plantas que alí ten Iberconsa. E onte este último presentouse na sede central da empresa, en Vigo, onde o responsable autonómico confesou a súa preocupación pola crise diplomática aberta coa Arxentina. Vilares instou a «todas as Administracións a traballar con mesura e responsabilidade como o Goberno galego en favor dos intereses compartidos a ambos lados do Atlántico». E é que non fai falta lembrar «a importancia estratéxica do país patagónico para a pesca galega, cun volume de negocio que supera os 400 millóns anuais».

No caso da pesqueira Iberconsa, as augas dese país son as que lle permiten situarse como líder mundial en captura e produción de lagostino austral e pescada conxelada (captura alí 75.500 das 124.000 toneladas que procesa e comercializa) e alí opera a maior parte dunha flota composta por medio centenar de embarcacións dun grupo que integra a máis de 20 sociedades e dá emprego a máis de 4.000 persoas, 550 en Galicia.

O conselleiro puxo de exemplo a Iberconsa como referente no ámbito da pesca, a transformación e a distribución de produtos do mar conxelados. Porque precisamente esta compaña é proba da importancia que ten o feito de que «as empresas galegas abarquen na súa actividade o conxunto do proceso produtivo, desde a captura da materia prima nos distintos caladoiros, pasando pola elaboración ata a comercialización do produto final xerando o valor engadido». Ese dominio, engadiu, «é o que fai posible que a actividade pesqueira sexa un motor de desenvolvemento industrial, tecnolóxico e de emprego de calidade».

Vilares enxalzou o esforzo do conxunto da cadea mar-industria por avanzar na súa transformación e modernización co apoio das novas tecnoloxías para mellorar a «competitividade e sustentabilidade da actividade pesqueira». Aproveitou para cargar contra o Goberno central por non orquestrar un PERTE «á á altura dun sector que representa o 5% do PIB galego e que factura anualmente ao redor de 9.000 millóns de euros», contrapondo o esforzo da Xunta ao despregar axudas en favor da actividade pesqueira.