Patrocinado por Patrocinadopor

Sabes cales son as especies que máis se venden nas lonxas da ría de Pontevedra?

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

Almejas
Ameixas CARMELA QUEIJEIRO

Campelo é a única rula da comarca que aparece na listaxe das dez de maior facturación en Galicia

11 mares 2024 . Actualizado ás 20:17 h.

As ameixas, con gran diferenza, son a principal fonte de facturación nas vendas das lonxas da ría de Pontevedra. Nunha segunda posición, pero a bastante distancia, sitúase o polbo, mentres que entre os peixes, o liderado lévanllo os rapantes, segundo o portal Pesca de Galicia. Estes resultados revelan a importancia que o marisqueo ten nas rulas pontevedresas e serve para dar unha idea do impacto económico que terá a mortaldade do pasado outono na conta de resultados das lonxas na comarca ao longo do presente exercicio.

Campelo é a única lonxa da ría pontevedresa que entra, en última posición, na listaxe das dez de maior facturación de Galicia no 2023. Con 436.436 quilos poxados, as súas arcas recadaron 6,4 millóns de euros. Pese ao mal resultado da recta final da campaña anual, coas mortaldades de bivalvos, Campelo facturou 1,2 millóns de euros máis que en exercicio anterior. É unha incógnita como se comportará este ano este parqué, pero é previsible que o 2024 sexa un das maiores fochancas do que vai de século. O marisqueo non traballa desde xaneiro e non regresará á praia, polo menos, ata mediados de abril, polo que parece imposible que a rula poida manter esa posición. A práctica totalidade das súas vendas, salvo a navalla, son de ameixa.

A especie máis común e, polo tanto, a que máis contribuíu ás súas vendas é a japónica, que por se soa supuxo 4,1 millóns, seguida pola fina, con 873.489 euros, e a babosa, con 653.818.

A lonxa de Poio é a principal marisqueira na comarca, pero o seu peso é maior se se ten en conta que as vendas de bivalvos —7,6 millóns no conxunto da ría— superaron amplamente ás de peixes —4 millóns— e de cefalópodos —3 millóns— no ámbito de Pontevedra.

O polbo é o outro produto estrela da flota, lonxas e prazas pontevedresas e Bueu o seu principal porto. No 2023, Bueu facturou 1,3 millóns de euros do cefalópodo rei, aínda que as súas capturas seguen sendo modestas en comparación con hai dúas décadas. O polbo galego mantén unha boa cotización e faise querer polos clientes, tanto en empresas como en restaurantes. Bueu é a entidade número 20 na listaxe galega,

O terceiro posto ocúpano os rapantes, un peixe moi demandado nos mercados polos consumidores e que ten en Marín o seu eixo de vendas. A lonxa do ente portuario estatal facturou 794.006 euros en rapantes, apunta Pesca de Galicia. Pola súa banda, Marín é a segunda rula pontevedresa na listaxe oficial de vendas na comunidade autónoma, situándose no posto número 15.

En Portonovo , o polbo, con 389.463 euros, foi a especie de maior venda, seguido pola sardiña, con 311.571 euros.