Patrocinado por Patrocinadopor

Ana Pontón acusa a Rueda de antepor os intereses electorais ao desastre dos pélets

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

SOMOS MAR

NELL

Reclama ao presidente da Xunta que suba «xa» o nivel de alerta

09 ene 2024 . Actualizado ás 20:21 h.

Ante o anuncio de que a Xunta activará o nivel 2 de alerta pola vertedura de pélets plásticos na costa galega, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a Alfonso Rueda a subir «xa» o nivel de alarma e acusoulle de antepor os seus intereses electorais a atender o desastre causado polas bolitas que sementan o litoral: «O Goberno galego está totalmente superado porque a campaña lle está a marcar a resposta ante esta catástrofe ambiental».

Pontón fixo estas declaracións durante unha visita ao parque natural de Corrubedo, en Ribeira , onde esixiu a Rueda que deixe ao carón «o pim pam pum que mantén coa Administración do Estado para antepoñer a defensa dos intereses dos galegos. Non é o momento de confrontacións estériles e inútiles». Por iso, reiterou a petición de que active de inmediato o nivel 2 de alerta para poder contar con máis medios para a limpeza das praias. Neste sentido, remarcou que se dan as circunstancias previstas no plan de continxencia de loita contra a contaminación marítima para subir o nivel, indicando que a vertedura supera o plan local, que non hai medios suficientes para facerlle fronte e que afecta a espazos que, como Corrubedo, precisan dunha protección especial.

Con estes argumentos, a candidata do BNG á Xunta considera que non elevar o nivel de alerta «pode ser prevaricación». Ademais, insistiu en pedir ao presidente autonómico a súa comparecencia no Parlamento para explicar a xestión que se está realizando desta crise e que medios vanse habilitar para a limpeza das praias. Tamén reclamou o informe no que se basea a Consellería de Medio Ambiente para afirmar que os pélets non son tóxicos e recodó que a Fiscalía apunta a este material como «residuo potencialmente tóxico».

Desde o 13 de decembro

Xunto a Ana Pontón estivo o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, quen lembrou que desde o Concello se comunicou á Xunta «que se estaba producindo esta catástrofe» o pasado 13 de decembro. Desde entón e ata a data, no litoral ribeirense recolléronse 75 sacos de bolitas plásticas, ao que o rexedor engadiu que «necesitamos recursos».