Patrocinado porPatrocinado por

A Axencia Europea de Pesca coordinou desde Vigo preto de 20.000 inspeccións

s. antón VIGO / LA VOZ

SOMOS MAR

M. MORALEJO

Este ano duplica o seu presuposto ata os 17 millóns para colaborar no rescate de refuxiados que chegan por mar

22 feb 2017 . Actualizado á 05:00 h.

A Axencia Europa de Control de Pesca realizou o pasado ano 20.000 inspeccións nos distintos caladoiros -3.000 máis que no 2015-, nas que identificou un total de 615 infraccións, segundo explicou onte o director executivo, Pascal Savouret que agora, engadiu, terán que confirmar os diferentes Estados membro a través de procesos xudiciais ou administrativos.

Por outra banda, avanzou que a Axencia de Vigo contará este ano con importantes recursos adicionais, xa que nestes momentos a súa tarefa non se circunscribe unicamente a controlar a pesca ilegal, senón que se está coordinando coas axencias de Seguridade Marítima e de Fronteiras para colaborar no rescate dos miles de refuxiados que se están arriscando as súas vidas no mar para intentar chegar a Europa. O obxectivo desa cooperación é evitar que o Mediterráneo siga converténdose nun cemiterio. Con tal motivo, practicamente duplicou o seu presuposto, que pasa dos 9,2 millóns do 2016 a 17,1 este exercicio, o que supón un incremento do 86%.

Anunciou así mesmo Savouret que están a implantar un programa de formación remota para inspectores comunitarios, xa que non terán que trasladarse a Vigo obrigatoriamente. «Desta forma mellórase tanto a eficacia como os custos operativos», dixo.

O director executivo fixo públicos os datos da Axencia coincidindo coa visita dun grupo de eurodeputados da Comisión de Pesca, entre outros o seu vicepresidente Werner Kuhn, que defendeu a harmonización dos mecanismos de control para que «as regras do xogo sexan as mesmas para todos os actores, de forma que se garanta o traballo en pé de igualdade». Kuhn estaba acompañado por José Blanco, Lidia Senra e Francisco Millán Mon.

Kuhn di que Bruxelas velará polos intereses do sector pesqueiro español

O vicepresidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Werner Kuhn, asegurou onte en Vigo que, aínda que é pronto para avanzar os efectos concretos do «brexit» no ámbito da pesca, precisou que a negociación vai ser moi interesante, xa que «para o Reino Unido tampouco se presenta un escenario doado», porque vende no resto de Europa boa parte da súa produción, que se tivese que absorber o seu mercado chegaría á saturación. «Velaremos polos intereses de España», dixo. Pola súa banda, José Blanco recoñeceu que é necesario pór a pesca no centro da negociación «para que non quede como un asunto marxinal», afirmou.