Patrocinado porPatrocinado por

A Axencia Europea de Pesca compartirá información coa de Fronteiras

S. a. G. VIGO / LA VOZ

SOMOS MAR

O plan piloto servirá de ensaio xeral para engraxar a engrenaxe de cooperación de forma que se poida empezar a traballar dun xeito xa efectivo no 2017

11 may 2016 . Actualizado á 05:00 h.

No segundo semestre do ano, Bruxelas porá en marcha un plan piloto de cooperación entre a Axencia Europea de Pesca, con sede en Vigo, e a nova Axencia Europea de Fronteiras e Costas (antiga Frontex). A idea, segundo explicou onte o director executivo da primeira, Pascal Savouret, é «compartir información, compartir intelixencia», o que posibilitará, dixo, a axuda mutua en operacións de salvamento marítimo e emigración. «Este novo protocolo de seguridade levará a cabo salvagardando a libre circulación de persoas. Será unha misión importante», afirmou.

O plan piloto servirá de ensaio xeral para engraxar a engrenaxe de cooperación de forma que se poida empezar a traballar dun xeito xa efectivo no 2017.

Savouret realizou o anuncio no transcurso do acto de celebración do Día de Europa que, como vén sendo habitual, reuniu a políticos, investigadores e profesionais do sector.

17.000 inspeccións

A Axencia Europea de Pesca, que conta cun presuposto de 9,2 millóns de euros, realizou o pasado ano un total de 17.000 inspeccións, o que supón o 12% das realizadas en todo o continente. Está integrada por un persoal de 56 persoas de 19 nacionalidades.